O CPEIG organiza un seminario de presentacións con distintos slideware

mércores, 4 de abril do 2012 Raquel Noya

Coa cultura visual que temos hoxe en día, intentar saír con éxito dunha presentación calquera que fagamos sen térmonos apoiado en material audiovisual ou simples esquemas para que a audiencia nos siga, é case que unha odisea por atractivo que sexa o tema a tratar.
O mesmo ocorre se o que facemos é botar man dun lote de diapositivas cheas de texto e nos limitamos a reproducir todo o que a audiencia pode ir lendo na pantalla do proxector: o fracaso en ámbolos dous casos está case asegurado.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), sabedor da importancia que adquiriron estas ferramentas que fan atractivas as presentacións e da mala fama que colleron polo mal uso que delas se fan, (falamos de programas como por exemplo o PowerPoint ou outros slideware), está a organizar un seminario formativo neste tipo de programas, que se levará a cabo na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.
O obradoiro, que leva por nome A Arte da Presentación, terá lugar o sábado 21 de abril, e vai dirixido a aquelas persoas interesadas en mellorar as súas presentacións perante audiencias botando man de software axeitado ás súas necesidades.
Os encargados de impartir o seminario serán Eduardo de la Fuente e Alberto de Vega, da empresa Presentaciones Artesanas, ámbolos dous recoñecidos profesionais de referencia na materia, que procurarán que as persoas asistentes aprendan as destrezas necesarias para que as súas presentacións sexan atractivas dabondo e conecten coa audiencia, evitando que esta caia no aburrimento.
As persoas interesadas en asistir á xornada formativa deberán pagar unha cota de 50 euros, mentres que os colexiados e colexiadas do CPEIG poderán asistir ingresando 30 euros.
En palabras dos organizadores do seminario, “a sesión formativa quere evitar a morte por PowerPoint”, ao que engaden, “expresión que resume de xeito maxistral o estado de aburrimento e fatiga inducido polo exceso de información amosado nas típicas presentacións de empresa”. Para que isto cambie, a organización recomenda apuntarse ao seminario e descubrir que “ existe outra forma de entender as presentacións e conectar coa túa audiencia”.

PUBLICIDADE