A Xunta xeneralizará novo modelo de xestión de dixitalización e impresión

venres, 3 de maio do 2024 Redacción

A Xunta, a través da AMTEGA, licita un acordo marco para a contratación centralizada do mantemento e renovación de equipos e o subministro de consumibles, que permitirá continuar o proceso de optimización dos medios de impresión e dixitalización da Administración autonómica.
O acordo marco permitirá acadar a renovación do 100% do equipamento, estendendo este servizo de impresión e dixitalización onde non estea implantado; ademais de garantir o mantemento integral do equipamento de dixitalización e impresión xa existente, así como a dotación de consumibles. O acordo marco establece un valor estimado de ata 17,7 millóns de euros, un 20% menos que o valor estimado dos dous contratos anteriores (22,1 millóns de euros).
A Xunta de Galicia iniciou en 2017 a implantación dun modelo de xestión dos sistemas de dixitalización e impresión que permitiu a redución de 1.700 equipos de impresión, o que supón o 26% do parque de impresoras da Administración xeral e de Xustiza. Ademais, no período 2017-2023 integráronse 5.500 equipos de dixitalización e impresión neste modelo de xestión corporativa e renovouse o 90%.
O modelo de xestión que está a implantar a Xunta baséase na contratación de servizos integrais, que se encargan tanto da renovación tecnolóxica de novos equipos como da retirada dos obsoletos; no incremento de equipos multifunción, que dan unha mellor resposta aos postos administrativos; na redución dos equipos en postos individuais a favor de equipos en rede; na aposta pola homoxeneidade de modelos e fabricantes, o que posibilita unha xestión remota de todas as máquinas; e no subministro de consumibles mediante o sistema de pago por copia.

PUBLICIDADE