Mobify amplía a súa frota de vehículos

venres, 3 de maio do 2024 Redacción

Mobify, un proxecto de carsharing flexible desenvolvido por mozos emprendedores ourensáns, que perseguen ofrecer en calquera momento que se precise un coche para desprazarse, pagando só polo seu uso, presentou a súa nova frota nun acto no que un dos seus fundadores, José Manuel Martínez, asegurou que «se tes móbil, tes coche: en menos de 20 segundos reservas o coche, ábrelo, préndelo e arráncalo, todo simplemente co teu propio móbil».
Mobify pretende atender á deficiencia de mobilidade que conecte cidades, zonas periurbanas, rurais e emprazamentos turísticos dentro de Galicia, e coa súa nova frota de vehículos híbridos reforza os puntos de entrega que xa existen na provincia de Ourense, estando previsto que en breve chegue ao resto de provincias galegas.
José M. Martínez asegura que «cada vehículo de carsharing suprime das cidades entre 12 e 16 vehículos particulares, liberando espazo público e deixando espazo para a xente, sen perder o servizo». Ademais, ao ter unha flota de vehículos moderna e renovada cada 2 ou 3 anos, fai das cidades sitios máis seguros, evitando incidentes e atropelos, grazas aos enormes avances tecnolóxicos no sector.
A compañía de cardsharing presume de ter a oferta máis competitiva do mercado, ofrecendo os 5 primeiros quilómetros de balde e, a partir de aí, «a metade do que custa un café», converténdose nunha solución de mobilidade para boa parte da sociedade.
Mobify ofrece dúas modalidades de aluguer: Share (cardsharing por períodos curtos e sen ter que achegarse a unha ofixina) e Rent (con aluguer de vehículos por días).
A compañía está a estrear unha renovada aplicación móbil para iOS e Android, dende a que poder dixitalizar os documentos de identidade do usuario para poder darse de alta e, aos poucos minutos, poder pasar a empregar os seus servizos e localizar o Mobify máis próximo para poder reservalo.
A previsión de Mobify é cuadriplicar a súa frota de vehículos nos vindeiros meses, así como expandir os puntos de entrega a novas cidades e vilas galegas. O obxectivo é ter máis de 200 vehículos con puntos de recollida e entrega distribuídos por toda Galicia e incluso o Norte de Portugal.

PUBLICIDADE