A provincia de Pontevedra desvela o seu rico patrimonio cultural a través do portal Atopo

martes, 24 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A semana pasada a nosa constelación de recursos web con dominio galego, cada vez máis completa e diversa, foi obxecto dunha nova e importante incorporación: a de https://atopo.depo.gal, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra para facilitar o acceso a preto de 700.000 rexistros de patrimonio cultural de 130 institucións da provincia. A ferramenta foi dada a coñecer polas deputadas María Ortega e Carlos L. Font, que salientaron os esforzos despregados para pór en marcha unha páxina tan destacada en “organización, descrición e catalogación”. Este traballo foi posíbel grazas á implicación de parte do persoal provincial durante máis de dous anos.
Grazas ao seu labor, lembraron Ortega e Font, podemos atopar arquivos de toda índole (documentais, bibliográficos, cartográficos, audiovisuais) do Museo de Pontevedra, do Servizo de Patrimonio da Deputación e de 128 entidades da provincia (concellos, institucións) dunha maneira doada e e eficaz. Ou sexa, libros, revistas, periódicos, cartas, mapas, fotografías, debuxos ou música, entre outros tipos de arquivo máis específicos.
Segundo explicou Ortega, Atopo é unha ferramenta deseñada conxuntamente polo Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental e o Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación que xurdiu co obxectivo de “achegar á poboación a información dos fondos documentais definidos como públicos e de libre acceso que existen na provincia”. E engadiu: “É un portal de descubrimento de recursos que facilita o acceso completo aos fondos, con independencia do seu formato, localización física e procedencia institucional. Trátase dunha solución que permite consultar unha ou máis bases de datos á vez e obter respostas en intervalos de tempo mínimos”.
A web, que será un recurso dinámico en proceso de mellora, crecemento e incorporacións, preséntase ademais cun importante compoñente revelador e investigador: “Permitirá dar a coñecer moitos fondos que ata agora se descoñecían simplemente por non ter unha ferramenta axeitada para descubrilos”, explicou Font, salientando a estrea do portal en tres idiomas (galego, español e inglés), o que permitirá unha maior divulgación “por interese e necesidade dos que se preocupan do patrimonio”.
A web foi debullada nos seus planos máis específicos polos técnicos do Arquivo, José Luis Castro Carpintero, e Damián Rey, que lembraron que conta hoxe con con preto de 700.000 rexistros e que está baseada no motor de busca de bibliotecas libre Vufind, un software que permite ás persoas usuarias buscar e navegar a través de todos os recursos de biblioteca, substituíndo ós tradicionais, e dando un paso máis alá ó incluír recursos de tipo arquivístico. “Así”, dixeron, “conseguiuse o obxectivo inicial de integración de diversos fondos documentais e bibliográficos nun mesmo portal, chegando a manexar preto de 14.000.000 de imaxes dixitais”. Tamén salientaron a presenza dun buscador de termos así como da posibilidade de facer buscas avanzadas.
O material dixitalizado configúrase o redor de seis áreas: libros, imaxes dixitais pertencentes á colección do Museo de Pontevedra e a Biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra; periódicos e revistas; fondos documentais, incluíndo material impreso dixitalizado dos arquivos municipais, da Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra; mapas, coa dixitalización dunha gran colección cartográfica; material gráfico; e material sonoro.
O portal Atopo está aberto á incorporación de novos fondos e institucións que axuden a un maior enriquecemento, poñendo a disposición una ferramenta baseada en estándares bibliográficos e arquivísticos internacionais e no uso de software libre.

PUBLICIDADE