Os maiores de 65 anos de 19 concellos lucenses xa poden solicitar cita para facer a renda por videochamada

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

Até 13.750 veciñas e veciños dos 19 concellos lucenses adheridos ao programa da Axencia Tributaria para facilitar a declaración renda por medio de videochamada teñen xa á súa disposición este servizo e poden solicitar a súa cita. Como xa adiantamos dende Código Cero, trátase dun novo programa da Axencia Tributaria que pon o foco en achandar o camiño dos trámites aos maiores do rural. De feito, os ditos 19 concellos lucenses son municipios de menos de 3.000 habitantes.
A subdelegada Isabel Rodríguez subliñou a vontade do Goberno para “achegar a Administración Xeral do Estado aos cidadáns, facilitando e prestando axuda ás persoas maiores nas súas xestións de modo presencial”. Ademais, explicou que este novo servizo súmase aos existentes como a Administración preto de ti ou ao programa de carteiros rurais, ambos coa finalidade de que a veciñanza do rural, sobre todo a de maior idade, coñeza e teña a posibilidade de realizar trámites desde a súa localidade.
Os concellos lucenses que prestarán este servizo a partir do vindeiro 7 de maio son: Abadín, Antas de Ulla, As Nogais, Baleira, Baralla, Begonte, Carballedo, Láncara, Navia de Suarna, O Incio, O Vicedo, Pantón, A Pobra do Brollón, Pol, Riotorto, Samos, Sober, Trabada e Xermade.
A subdelegada do Goberno en Lugo agradeceu a predisposición destes concellos para participar nesta proposta pioneira da AEAT, proporcionando espazos para que os contribuíntes poidan realizar as videochamadas. Polo momento, esta iniciativa atópase nunha primeira fase piloto, de xeito que máis concellos dos 158 que integran os chamados de Reto Demográfico en Galicia serán susceptíbeis de unirse tamén ao programa.
A cita para o servizo de confección de declaracións por videochamada xa se pode solicitar dende onte (29 de abril), comezando o servizo como tal o 7 de maio. As peticións de cita poderán facerse nas respectivas casas consistoriais e a través da sede electrónica da Axencia Tributaria, xunto co resto de servizos de asesoramento que achega. No momento no que un veciño ou veciña destes concellos solicite cita para facer a declaración da renda, ofreceráselles facela a través de videochamada. Coa cita xa na man, tan só terán que achegarse ao concello para ser atendidos por persoal da Axencia Tributaria. Na mesma videochamada xa poderán deixar presentada a súa declaración.
Ademais da posibilidade de pedir cita na sede electrónica, a Axencia Tributaria ofrece estes teléfonos de cita con atención persoal: 91 553 00 71 o 901 22 33 44 (de luns a venres, de 9 a 19 horas).

PUBLICIDADE