A Asociación Europea para a Transición Digital, Premio Colaboración Interadministrativa do CPEIG

martes, 30 de abril do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu conceder o Premio Colaboración Interadministrativa á Asociación Europea para la Transición Digital (AETD) pola súa proposta do “Pacto de Estado para protexer aos menores de idade en internet e redes sociais”. O galardón será entregado no marco da XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia de 2024, que se celebra o 21 de xuño en Santiago, no Hotel Puerta del Camino.
O Pacto de Estado
Segundo lembra o CPEIG, seis entidades da sociedade civil (Asociación Europea para la Transición Digital (AETD), Save The Children, Fundación ANAR, iCMedia, Dale Una Vuelta e UNICEF), co apoio institucional da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD), da Fiscalía General del Estado, do Instituto de la Juventud de España (INJUVE) e da Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia, uniron forzas para consensuar unha proposta de Pacto de Estado ante un problema cada vez máis perentorio: o impacto negativo que, en determinadas circunstancias, pode ter o uso de internet e as redes sociais nos menores de idade.
A AETD explica que os máis pequenos reciben o seu primeiro móbil de uso persoal aos 10,96 anos, e xa na adolescencia un 90,8% conéctase todos ou case todos os días e o 98% está rexistrado nalgunha rede social, segundo indica o estudo do Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia. Relacións, Riscos e Oportunidades 2021 de UNICEF, a Universidade de Santiago e o Consejo de Colegios de Ingeniería Informática (CCII).
A iniciativa, presentada en xuño de 2023 ante o inicio da presidencia española da Unión Europea, nace dunha “fonda preocupación sobre os riscos que enfrontan os nenos, nenas e adolescentes en internet e as redes, ao utilizar servizos deseñados para adultos, que poden afectar a súa socialización e potenciar posíbeis problemas de saúde mental, como a ansiedade e a depresión, e facilitar situacións de violencia como o acoso escolar e sexual”.
A vicepresidente da AETD e impulsora do Pacto de Estado, Ana Caballero, sinala que “os dispositivos móbiles convertéronse nunha porta a contidos pornográficos, o que xera unha banalización das relacións sexuais, sexualización precoz e exposición a contidos inadecuados”. Tamén destaca “a preocupación pola captación masiva de datos dos menores, con vistas a seu perfilado para a venta a terceiros con fins publicitarios”.
Ante esta situación, a AETD e o resto de entidades asinantes consensuaron un manifesto cunha serie de medidas sobre a necesidade de asumir o problema, formar aos profesionais para afrontalo, e desenvolver a lexislación vixente para que todos os actores implicados asuman a súa responsabilidade na necesidade dun entorno dixital que non dane a unha poboación vulnerábel, como son os cativos e os adolescentes.
A proposta conta actualmente con máis de 160 entidades adheridas. Como resultado e xa presente na primeira liña da axenda política, o Ministerio de Juventud e Infancia creou o Comité de Personas Expertas para la Generación de un Entorno Digital Seguro para la Juventud y la Infancia, presidido pola propia Ana Caballero, que terá a función de deseñar unha estratexia nacional para fomentar un entorno dixital seguro dirixido especificamente a poboación infantil e adolescente. O presidente do CPEIG e do CCII, Fernando Suárez, forma parte deste comité.
Ana Caballero recollerá a distinción na XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar a sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.

PUBLICIDADE