O Goberno galego activa a canle de contacto dos cidadáns cos seus delegados de protección de datos

venres, 25 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Para quen non o saiba, aínda que a estas alturas calquera internauta tivo unha manchea de oportunidades para que llo lembrasen (con avalancha de correos recordatorios incluída) esta sexta feira (venres 25 de maio) entra finalmente en vigor o novo Regulamento Xeral de Protección de Datos persoais (RXPD, regulamento UE 2016/679). A cuestión está a xerar certezas e dúbidas, pero no que estamos todos de acordo é na relevancia do acontecemento. Para botarnos unha man no que se refire aos detalles do regulamento, en palabras da axencia AMTEGA “o máis esixente nesta materia” (con novos dereitos para o cidadáns pero con obrigas e compromisos firmes para entes públicos e privados no relativo á xestión da información persoal), o Goberno galego activou a canle de contacto dos cidadáns cos delegados de Protección de Datos da Administración autonómica.
En detalle, e tendo en conta que un dos requirimentos da nova normativa baséase en que as administracións públicas conten coa figura do delegado de Protección de Datos (un valedor do cidadán neste ámbito), a Xunta conta xa cun experto en privacidade e lexislación destas características por conselleira e máis un na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que exerce labores de coordinación. Ademais, poderá haber delegados noutras entidades do sector público autonómico, a proposta da Consellería correspondente. Estes profesionais, segundo informa a axencia, actúan como garantes do cumprimento do RXPD, informando, asesorando e supervisando o cumprimento do regulamento europeo de protección de datos.
Os cidadáns que desexen poñerse en contacto os delegados poderán facelo a través do portal da Xunta, www.xunta.gal. no espazo específico sobre a protección de datos persoais na Administración autonómica https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos..
Novidades para os cidadáns
A axencia que dirixe Mar Pereira aproveitou a véspera deste 25 de maio para facernos ao día das transformación que pon en xogo a normativa. Unha das novidades que percibirán os cidadáns coa entrada en vigor do novo regulamento é que tanto empresas como administracións teñen que identificar as finalidades e a base xurídica dos tratamentos que levan a cabo. Ademais, os organismos públicos teñen que facilitar procedementos para que os cidadáns “dean un consentimento inequívoco na cesión dos seus datos”. Por certo que desaparece o consentimento tácito e aparecen novos dereitos para os usuarios de novas tecnoloxías, como por exemplo a mención expresa ao dereito ao esquecemento.
Igualmente, deberán adaptar os documentos que actualmente se empregan para recoller os datos, facéndoos concisos, transparentes e accesíbeis para toda a sociedade. Outra das modificacións que esixe a normativa radica na información que se dá aos interesados, que incorpora elementos adicionais ao requirido ata o momento como, por exemplo, a necesidade de informar sobre o prazo de conservación dos datos.
Segundo engade AMTEGA, arestora a Xunta está a revisar os formularios asociados a procedementos administrativos e servizos ofrecidos, incorporando aos novas esixencias de información sobre o tratamento de datos persoais. Asemade, estanse a someter ao mesmo proceso de estudo as cláusulas de protección de datos nos pregos de contratación pública así como en outros tipos de encargos de tratamento de datos persoais. Igualmente, atópase en preparación un procedemento normalizado para a atención dos dereitos no ámbito de protección de datos, que se poderán tramitar na Sede Electrónica e nas Oficinas de Rexistro e Información.

PUBLICIDADE