Dygra dá conta da súa experiencia co Digital 3D, chamada a revolucionar para sempre o cinema

xoves, 5 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O selo galego Dygra segue a subir chanzos no vieiro de ofrecer produtos audiovisuais que sexan en si mesmos partes informativos da vangarda tecnolóxica. E faino do xeito que probablemente lle acae mellor á innovación: preparando proxectos vindeiros antes incluso de facer públicos os presentes. Deste xeito, malia ter aínda pendente a estrea mundial de O espírito do bosque, a compañía da Coruña xa está a poñer todo da súa parte –no tecnolóxico e no humano- para a súa seguinte obra, Noite de paz, a cuarta do selo e primeira do eido español que se proxectará co sistema Digital 3D estereoscópico. Puidémolo ver os días pasados na web de Agapi e máis en Cincodías: trátase dun filme que tira partido dun tipo de proxección, a dixital en 3D, que está chamada a converterse na gran revolución do cinema logo do xurdimento da cor na década dos cincuenta.
Noite de Paz, que ten prevista a súa estrea para Nadal de 2009, significa ademais que Dygra se vai pór á par de produtoras como Dreamworks, Disney ou Fox, selos que están a anunciar a inclusión nos seus vindeiros proxectos da mesma tecnoloxía 3D. Segundo explicou o fundador de Dygra (Manolo Gómez) a Cincodías, 2009 pasará á historia do cinema por ser o ano dun cambio radical no xeito de concibir, proxectar e difundir as obras audiovisuais, un troco que non só ten que ver coa evolución da propia tecnoloxía, senón tamén coa necesidade de procurar engadidos que seduzan ó público nestes tempos de crise do sector. E o Digital 3D, di Gómez, ten moitas posibilidades neste senso, “xa que che permite vivir unha nova experiencia no cine, onde obxectos e personaxes van cara a ti na butaca, achegándote a sensación de que estás case a piques de tocalos”.
Coa nova tecnoloxía o espectador recibe dúas imaxes de xeito simultáneo, unha para cada ollo. Logo, o cerebro interprétaas e encárgase de transformalas ás tres dimensións. O único requisito que se lle pide ó espectador é que se poña unhas gafas polarizadas. Co uso desta ferramenta dixital, recíbense 144 imaxes por segundo, no canto das 24 que achega o analóxico.

PUBLICIDADE