SkyShowtime terá publicidade en abril

venres, 16 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Continúa a medrar a tendencia das plataformas de vídeo baixo demanda de incorporar plans con publicidade na súa oferta, o que pode verse como unha suba de prezos encuberta e como os inicios de transformación para que as plataformas OTT rematen sendo a nova televisión.
A última plataforma que anuncia cambios ao respecto é SkyShowtime, que hoxe confirma que en máis de vinte mercados (entre os que se inclúe España) estrearán plan con publicidade o 23 de abril, mentres que o plan actual parará a coñecerse como Standard Plus.
Actualmente SkyShowtime ofrece un plan sen publicidade por 5,99 euros/mes, dos que a meirande parte dos subscritores só pagan o 50% por ter adquirido unha promoción de lanzamento, e a partir do 23 de abril pasarán a pagar 7,99 euros/mes ou 62,99 euros/ano se queren seguir consumindo os contidos sen anuncios. O plan con publicidade tería un prezo de 4,99 euros/mes ou 39,99 euros/ano, o que supón un lixeiro aforro con respecto ao prezo actual sen descontos.

PUBLICIDADE