YouTube comeza a etiquetar os contidos alterados mediante IA

luns, 18 de marzo do 2024 Marcus Fernández

No mes de novembro YouTube informou da súa intención de obrigar aos creadores de contido a identificar o contido creado con IA na súa plataforma, e agora presentan finalmente a nova ferramenta que formará parte do Creator Studio de xeito que haberá que indicar claramente cando un contido inclúe un acontecemento, lugar ou persoa alterada ou creada de xeito sintético mediante IA xenerativa de xeito que poida levar a engano polo seu realismo.
Cando un contido se identifique como creado ou alterado, amosará unha etiqueta durante a súa reprodución para que os usuarios poidan premer e ter máis información sobre o tipo de alteración do vídeo en concreto. Cómpre salientar que os vídeos que claramente son falsos, as animacións, os que integran efectos especiais ou os que simplemente empregaron IA como ferramenta non terán que incluír identificacións adicionais.
Deste xeito YouTube promove a transparencia na creación de contidos, e se nun vídeo aparece unha persoa creada sinteticamente que parece de verdade (ou se modifica a cara dunha persoa), un lugar vese modificado como escenario dun acontecemento que non tivo lugar alí ou se empregan efectos realistas para representar eventos (como un tornado desprazándose por unha vila real) será preciso indicar claramente que o contido está manipulado dalgún xeito, aínda que só cando sexa preciso realizar tal matización, xa que actualmente a IA emprégase intensivamente na creación audiovisual e carecería de sentido indicar o uso da IA para desenfocar un fondo ou realizar unha corrección de cor.
A nova etiqueta irase espallando entre os usuarios de YouTube paulatinamente, de xeito que nos vindeiros días comezaremos a vela en contidos manipulados dixitalmente. Nalgúns casos será a propia plataforma a que inclúa a etiqueta, pero co tempo pasará a ser unha esixencia, ou sexa, que non advertir das alteracións mediante IA podería ser unha infracción das condicións do servizo (o que podería levar a expulsión da plataforma).

PUBLICIDADE