WhatsApp por fin permite empregar varias contas na mesma aplicación

xoves, 19 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Aínda que dende hai anos é posible utilizar varias contas de WhatsApp en móbiles empregando distintas tácticas, a compañía de Mark Zuckerberg decidiu facilitar esta práctica, e hoxe presentan a posibilidade de ter dúas contas de WhatsApp iniciadas ao mesmo tempo dende a mesma aplicación, facendo así doado alternar, por exemplo, entre a conta persoal e a laboral, dun xeito semellante a como se fai, por exemplo, para empregar varias contas de Instagram nun mesmo móbil.
Para configurar a segunda conta chega con ir á sección de Cuenta na configuración de WhatsApp, e ir directamente á opción de Añadir cuenta, tras o que poderemos iniciar un proceso igual que cando damos de alta o número principal de WhatsApp (ou sexa, que teremos que verificar a nosa conta, para o que é necesario contar cun segundo número de teléfono).
A nova prestacións está xa dispoñible para moitos usuarios, e o resto recibirano paulatinamente.

Mensaxes de voz efémeras

Ao gravar unha nota de voz podemos premer no botón cun 1 para que a mensaxe se borre automaticamente tras escoitarse

Estamos afeitos a poder enviar contidos multimedia efémeros dentro de WhatsApp, ou sexa, imaxes ou vídeos que, tras a súa visualización desaparecen do dispositivo ao que se enviaron. Pois a versión beta de WhatsApp engade agora esta funcionalidade ás notas de voz, de xeito que podemos enviar mensaxes sonoras que tras escoitarse unha vez deixan de estar dispoñibles.
Este tipo de medidas procuran mellorar a privacidade das comunicacións e, moi especialmente, que unha persoa comparta con outras as mensaxes que recibe. De feito, está previsto que WhatsApp amplíe esta funcionalidade ás mensaxes de texto nos vindeiros meses.