Vitae organiza en outubro a 3ª edición do seu curso sobre resolución de conflitos na empresa
martes, 19 de setembro do 2023
A
consultora tecnolóxica Vitae vai organizar neste arrinque do outono
a terceira edición dunha actividade formativa que nos proporciona
recursos para garantir un bo ambiente de traballo. Trátase do Curso
Resolución de Conflitos, que se desenvolve a través do formato
de aula virtual os días 23, 24 e 26 de outubro.
Ao
longo de nove horas de formación (que se deben completar con outras
81 mediante preparación, lecturas e investigación), mostraranse
exemplos concretos de problemáticas laborais e amosaranse xeitos de
evitalas e resolvelas, ao tempo que se achegarán respostas e claves
para boa parte das preguntas que nos asaltan ao tratar a cuestión
dos conflitos laborais.
“Este seminario”, informou a
consultora galega Vitae, “pretende facer un percorrido sobre os
elementos máis importantes do conflito, sendo o seu obxectivo
principal axudar aos participantes a entender e xestionar mellor os
desencontros persoais ou profesionais que deban abordar no seu día a
día”.
O seminario basea o seu alicerce tecnolóxico nos
conceptos de Formación Activa e Student Centred Learning. “Ambas
estratexias pedagóxicas”, engade Vitae, “requiren da
participación activa do estudante como método de aprendizaxe baixo
as instrucións do formador, cuxo rol é o de dinamizador, impulsor
de criterio e de significado e significantes”. Noutras palabras, “o
grao de aprendizaxe do alumno dependerá da súa implicación persoal
activa no proceso”.
Os obxectivos concretos do curso son os
seguintes:
-Dotarnos dun rol de liderado e proactivo na
resolución de conflitos.
-Mellorarmos a eficiencia e a eficacia persoal e organizativa e xestionar mellor os desencontros
entre membros do noso equipo.
A persoa encargada de impartir o
curso será Javier Rovira, licenciado en Dereito e Administración de
Empresas polo ICADE, mestrado en Dirección Xeral polo IESE e
Doutorado en Economía de Empresa (DEA pola Universidade Rei Xoán
Carlos). Foi profesor da ESIC Business & Marketing School e é
socio director de Know How NP, consultora especializada en estratexia
de innovación e desenvolvemento organizativo, tendo unha dilatada
experiencia en diferentes sectores. Foi director xeral de González
Byass, director xeral de Neck & Neck, conselleiro delegado de
Sabelma, director de Laboratorios Babé e director de Marketing e
Desenvolvemento Estratéxico de Bebidas Pepsico. Coo consultor e
formador traballou con empresas como Microsoft, Terra, Monsanto,
Prisa, Axencia Tributaria, Telefónica, RENFE, Dell España, Lucent,
El Corte Inglés ou Porche-Saab España, entre outras moitas. Ten no
seu haber unhas 10.000 horas de consultoría e unha bagaxe formativa
de máis de 5.000 profesionais e directivos.