Un proxecto galego impúxose no premio á Mellor Dirección do Carballo Interplay: Rent-a-pal

luns, 8 de abril do 2024 S. P.

O festival de contidos dixitais Carballo Interplay despediu este domingo 7 de abril a súa undécima edición, marcada, en palabras da organización (Concello de Carballo e Interplay Producións) polo cambio de localización para o Mercado de Carballo, trasladándose ao corazón da vila e polo recoñecemento ao talento galego emerxente no ámbito audiovisual e dixital. O certame pechou o ano con dous dos momentos máis esperados: o espectáculo CFA. Lasamigas Productions da man de Carolina Iglesias e Laura Márquez, no que repasaron os seus referentes e inspiracións do mundo audiovisual e dixital; e a entrega de galardóns, dirixida polo dúo cómico Izquierdo Sisters.
Por primeira vez na historia do festival un proxecto galego acada o premio a Mellor Dirección. A lucense Irene Pin levouse o galardón, dotado con 200€. A serie web Rent-a-pal conta a experiencia de Andrea, unha rapaza que comeza a traballar nun negocio moi singular, unha empresa de alugueiro de amigos. O xurado, formado pola curadora de contido dixital Ainhoa Marzol, o cineasta Joel Bassaget e o artista Fran Rodríguez Casal destacou a “resistencia a adaptarse a unha estrutura narrativa fácil e coñecida para tomarse o seu tempo e peitear coidadosamente os anacos contemporáneos da vida”.
Este xurado tamén outorgou o premio de Mellor Serie a Historia Mal, dirixida polo andaluz Daniel Cervantes, unha obra de animación coa que lle dan unha volta á historia ou como sinalan os autores, “con máis improvisación que historia”. Neste caso o xurado destacouna como “divertida, intelixente e estrafalaria” demostrando que “os cartos non son problema cando se ten talento e coñecemento”. O premio económico neste caso é de 800€. A serie conquistou tamén ao público que se achegou ao Mercado a coñecela e cos seus votos concedeulle o Premio do Público, de 400€. A serie web Bananas, enviada dende República Checa, recibiu unha mención especial por parte do xurado.
O xurado novo, formado por Afra Torrado, Daniel Valcárcel Colino, Iria Ramos Mesía e o artista Mondra, destacou a contribución chinesa Monster Diner / 怪兽小馆, sobre monstros agochados entre humanos. Este Premio do Xurado Novo conta con 400€.
No caso do Premio a Mellor Proxecto de Contido Dixital en Galego, os gañadores foron o equipo da serie Delirio Sketch, co seu proxecto de serie de comedia. O Carballo Interplay aportará con este recoñecemento 3.000€ destinados á produción da serie.
Por último, nesta edición estreouse o Premio a Mellor Creador e Canle de Contido Dixital en Galego. Dez finalistas en ambas categorías, creador ou creadora e canle, presentaron os seus proxectos ante o xurado formado por Gabri Fuentes, Cibrán Tenreiro, Andrea Villa e Marta Salicrú. Finalmente foi a creadora de contido María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa, pola súa “autenticidade, carisma especial” destacado a calidade lingüística do seu contido e a “rotundidade” para defender “causas que considera xustas”, a gañadora a mellor creadora. Na categoría de mellor canle o gañador foi o vídeo-podcast O Faiado, realizado por estudantes da USC, por facer coas súas conversas e entrevistas “do local algo universal e viceversa” e o dominio da comunicación en redes sociais. O premio económico é de 600€ en cada categoría.

PUBLICIDADE