Un proxecto da USC favorece a inclusión educativa do alumnado hospitalizado co uso de avatares robóticos
venres, 23 de xaneiro do 2026
Co obxectivo de “reducir o illamento do alumnado que por motivos de saúde permanece afastado do centro educativo”, o grupo de Tecnoloxía Educativa da USC (TECNOEDUC) vén de asinar un convenio coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través do CIEDIX, para a posta en marcha dun estudo piloto na Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
O proxecto Avatares ten como obxecto específico “avaliar o uso de sistemas de telepresenza, en particular avatares robóticos, nos centros educativos co fin de reforzar o sentimento de pertenza, evitar o illamento social e manter o vínculo escolar do alumnado con enfermidades crónicas ou con ausencias prolongadas”.
A USC explicou que estamos ante unha iniciativa pioneira que parte do traballo previo de Tecnoeduc, que desenvolveu unha metodoloxía pedagóxica para a integración dos avatares como recurso para a inclusión do alumnado durante os períodos de ausencia escolar, facilitando a súa posterior reincorporación ao centro educativo.
No marco do convenio asinado, profesionais do CIEDIX colaborarán no desenvolvemento do estudo piloto facilitando a súa aplicación real nos centros educativos e incorporándose ao equipo de investigación que leve a cabo a pilotaxe.
A experiencia piloto consistirá no uso de sistemas de tele-presenza por parte de alumnado de educación primaria hospitalizado no CHUS e incorporado á súa Aula Hospitalaria. “Estes sistemas implantaranse nas aulas ordinarias do alumnado participante, permitindo a asistencia remota ás actividades lectivas mediante un dispositivo electrónico”, explicou a USC, engadindo que “a conexión establecerase en modo bidireccional, de forma que so se emitirá sinal de audio desde a aula hospitalaria, e o alumno ou alumna poderá visualizar e comunicarse por audio co profesorado e cos seus compañeiros e compañeiras de aula”.
O desenvolvemento do proxecto conta ademais coa colaboración da empresa tecnolóxica de base universitaria No Isolation, desenvolvedora dos sistemas de telepresenza AV1 que se empregarán durante o estudo piloto.
Tecnoeduc subscribiu coa compañía un acordo especifico de colaboración para a investigación, que “permite combinar o coñecemento científico xerado na universidade cunha tecnoloxía deseñada especificamente para reducir o illamento social do alumnado”.
Avatares constitúe unha iniciativa estratéxica de transferencia de coñecemento ao sistema educativo e foi impulsado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, no marco do Programa de Estímulos Transferencia en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas. O proxecto de transferencia obtido por Tecnoeduc no programa permitiu estruturar a metodoloxía Avatares como unha proposta madura, transferible e aliñada coas necesidades reais do sistema educativo.
“A iniciativa permitirá non só aplicar a metodoloxía Avatares en contextos reais, senón tamén recoller evidencias científicas sólidas sobre o seu impacto no benestar emocional do alumnado, a súa integración social e a súa aceptación por parte do profesorado e da comunidade educativa”, explica a profesora da USC Carmen Fernández Morante, responsable do proxecto.
Á pilotaxe que se desenvolverá en Galicia súmanse outros acordos impulsados por Tecnoeduc en distintas comunidades autónomas, como a Comunitat Valenciana, e outras que xa manifestaron o seu interese na pilotaxe, como Estremadura, Madrid e Canarias.
“Esta expansión reforza o carácter pioneiro do proxecto Avatares como unha proposta innovadora e baseada en evidencia científica, chamada a converterse nunha referencia para as políticas de inclusión educativa, e sitúa a Tecnoeduc e á USC como axentes clave na transferencia de coñecemento ao servizo do sistema educativo”, engadiron dende a Universidade de Santiago.
