Twitter prepárase para mudar como funcionan os seus selos de verificación

venres, 31 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O Primeiro de Abril é a data elixida por Twitter para comezar a eliminar o selo de verificado de contas de usuario consideradas relevantes anteriormente pero que non paguen por Twitter Blue, pero finalmente non van ser tan rigorosos como se anunciou previamente, especialmente no caso das empresas, probablemente para evitar que practicamente non aparecese ningunha verificada dun día para outro.
Comentan que manterán a verificación os 500 anunciantes que máis gastasen en Twitter, así como as 10.000 empresas que teñan máis seareiros, probablemente porque non confían en que as empresas consolidadas teñan interese en pagar 1.000 dólares/mes por ter unha marca a carón do seu nome de usuario en Twitter, especialmente na situación actual da plataforma. De feito, temos que lembrar que a creación dos selos de verificación estaba motivada como unha protección para a propia Twitter, que quería así evitar a responsabilidade legal ante fraudes cometidos a través de contas que suplanten a celebridades e empresas (e que xusto causou grandes problemas cando comezaron a permitir lucir un selo de verificado por pagar por Twitter Blue).
Haberá que agardar uns días para ver como progresa a situación, pero se realmente moitas contas de usuario relevantes perden o selo de verificación e proliferan as suplantacións, Twitter terá problemas para manter a súa política de verificación actual.

O código fonte

No código publicado por Twitter pódense ver detalles como que Elon Musk ten un trato preferente por parte do algoritmo da plataforma

Hai preto dunha semana Twitter recoñeceu que boa parte do seu código fonte filtrouse a través de GitHub, por parte dun usuario que respondía ao nome de FreeSpeechEnthusiast, e dado que se estaba a investigar a orixe da filtración, que consideraban un serio problema. Por iso podemos considerar unha demagoxia absoluta que a compañía de Elon Musk anuncie «unha nova era de transparencia para Twitter» ao publicar en GitHub parte do seu código fonte acompañando a publicación con explicacións sobre o algoritmo de recomendacións da plataforma.
Non queda nada claro se estamos ante unha cortina de fume para agochar a filtración anterior ou ante unha arriscada xogada para mellorar a imaxe de Twitter, que non para de mudar para peor con decisións arbitrarias que habitualmente benefician á desinformación e a comportamentos tóxicos.
En calquera caso, as publicacións realizadas por Twitter exclúen moita información sensible, polo que realmente nin estamos ante un caso de código aberto nin ante unha transparencia real, senón simplemente a unha mostra de código e un convite a que se presenten suxestións de melloras no código, algo que dificilmente pasará agás en casos de detectarse grandes fallos de seguridade (xa que poderían premiarse cunha recompensa).

PUBLICIDADE