Telefónica gana 989 millóns ata setembro e confirma todos os seus obxectivos financeiros
xoves, 7 de novembro do 2024
Telefónica presentou este xoves 7 de novembro os resultados correspondentes aos nove primeiros meses do exercicio 2024. Estes resultados están marcados pola confirmación dos obxectivos financeiros previstos para o conxunto do ano e pola obtención dunha ganancia acumulada de 989 millóns de euros, segundo destacou a operadora, engadindo que “en termos axustados, o beneficio neto alcanzou os 1.914 millóns de euros ata setembro, un 16,8% máis”.
No informe faise saber que estes resultados permiten á compañía reiterar todos os seus obxectivos financeiros para o conxunto de 2024. “Estas metas consisten no crecemento dos ingresos ao redor do 1%, do EBITDA entre o 1% e o 2% e da caixa operativa tamén entre o 1% e o 2%, unha cifra de investimento sobre ingresos de ata o 13% e un incremento do fluxo de caixa libre superior ao 10%”, explicou, confirmando que a remuneración ao accionista correspondente a 2024 consiste nun dividendo en efectivo de 0,30 euros por acción pagadeiro en dous tramos: decembro de 2024 (0,15 euros) e xuño de 2025 (0,15 euros).
Ademais, faise saber que a xeración de fluxo de caixa libre acelera o seu crecemento e alcanza os 1.030 millóns de euros nos nove primeiros meses de 2024, un 27,7% máis que no mesmo período do exercicio anterior. No informe tamén destaca o número de accesos, que medra até os 393 millóns “grazas á aceleración da actividade comercial nos mercados clave de Telefónica”, particularmente en España, onde logra a maior ganancia neta de clientes dos últimos seis anos.
Ademais, Telefónica avanzou na despregadura de infraestruturas acadando o 71% de cobertura 5G nos seus catro mercados principais, co que cumpre o seu obxectivo de superar o 70% con máis de dous anos de antelación.
“O noso plan de acción GPS é ambicioso e continúa dando resultados para avanzar na dirección correcta e consolidar un crecemento rendíbel. Nos primeiros nove meses do ano, nun contexto global de incertezas, Telefónica obtivo unha ganancia de case mil millóns de euros e reitera todos os seus obxectivos financeiros para o conxunto do exercicio. Ademais, confirmamos a remuneración ao accionista para 2024”, asegurou o presidente de Telefónica, José María Álvarez-Pallete.