Telefónica achega 900.000 euros para axudar ás vítimas de Haití

mércores, 20 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Mentres algunhas entidades bancarias ven incrementar os seus beneficios grazas ás doazóns dos cidadáns e mentres os cruceiros para xente podre de cartos seguen a empregar a contorna de Haití para proseguir a festa, un novo sismo vén de sacudir o país coma se non houbese maneira posible de pechar a ferida. Con todo, cómpre lembrármonos a nós mesmos que hai xeitos de colaborar e que para iso están os trebellos con acceso ás redes que temos ao alcance da man. Se o outro día falabamos nesta mesma web das canles habilitadas por Yoigo e Orange, agora toca facelo de Telefónica e Vodafone, que, cada unha á súa maneira, están a tentar que as mensaxes de texto sirvan para algo máis que para picar co novo calote telefónico-amoroso.
Pois ben, se Vodafone segue a diante co seu número 5280 (ao que teremos que enviar un sms coas letras CR e co obxectivo de doar axuda á Cruz Vermella por valor de 1,04 céntimos a mensaxe), Telefónica xa anunciou que achegará 900.000 euros para contribuír á reconstrución do país tralos devastadores terremotos destes días.
A compañía, sinala nun comunicado, faralle chegar á dita organización esta cantidade co obxectivo de cubrir proxectos destinados á nenez, con especial fincapé na saúde. A achega conseguiuse a través das tres divisións territoriais da compañía: Telefónica España, Telefónica Europa e Telefónica Latinoamérica. Por certo que a tarefa solidaria está a vir acompañada dun traballo de reconstrución das comunicacións. Segundo fai saber a firma no dito comunicado, Telefónica restableceu “en cuestión de poucas horas as comunicacións instantáneas internacionais (voz, datos e televisión) con Haití grazas ao seu servizo BGAN de telecomunicacións vía satélite, tal como se fixo noutras situacións de emerxencia como o secuestro do barco Alakrana no Índico”.

PUBLICIDADE