Talentia Summit 2024 acada un récord de visitas na súa plataforma en liña
mércores, 6 de novembro do 2024
En pouco máis de 8 horas de funcionamento a plataforma en liña de Talentia Summit 2024 sumou máis de 9.000 usuarios únicos e 12.000 sesións, e a oferta formativa da feira superou as 2.100 prazas reservadas. Estes datos de récord, que “demostran que a feira do emprego e o talento de Santiago é unha cita totalmente consolidada, foron dados a coñecer hoxe pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, que presentou todos os detalles do evento que se vai desenvolver do 12 ao 15 de novembro.
A tenenta de alcaldesa explicou que o programa do Talentia Summit, tanto no que ten que ver co foro inaugural como no relativo á feira de emprego e formación, “foi deseñado atendendo aos obxectivos que nos marcamos desde a concellaría no que ten que ver co fomento do emprego entre a mocidade, as mulleres e a poboación migrante, e sobre todo coa aposta por un emprego digno e de calidade”.
Rozas engadiu que o Foro inaugural do Talentia vaise celebrar o próximo martes 12, a partir das 18:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación, baixo o lema Persoas con propósito impulsando a innovación. Será un encontro no que se abordará como a innovación, a tecnoloxía e o talento están a transformar o mundo laboral, “coa ollada posta especialmente no talento xuvenil, e desde unha perspectiva tamén feminina e feminista”.
No Foro Talentia participarán Javier Vidaurreta, socio responsábel de People KPMG en España, que reflexionará sobre cales son as capacidades máis demandadas no mercado laboral; Cristina F. Armesto, socia e fundadora da Casa Grande de Xanceda, cun relatorio sobre as oportunidades para o desenvolvemento do talento no mundo rural; Pablo Rodríguez González, fundador e responsábel de negocio e produto de Hack a Boss, que falará sobre a formación tecnolóxica e dará conta da experiencia da súa empresa na que se ten activada a xornada laboral de catro días. Águeda Ubeira, CEO e fundadora de Vanetta Food falará no Foro Talentia de innovación, tradición e talento desde a experiencia da súa empresa que aposta por transformar a gastronomía galega en clave vegana; David Ryan Glowacki, investigador oportunius do centro compostelán CiTIUS, ofrecerá un relatorio sobre ciencia, tecnoloxía, estética e realidade virtual; Ángeles González Macías, directora Executiva de Emprego e Proximidade de Barcelona Activa; e Luz Castro Pena, enxeñeira en Informática, socia fundadora da empresa galega Imaxin Software e profesora na Universidade da Coruña.
Apertura da feira con récord de participación
O outro piar do Talentia Summit 2024, a feira, está arrancando con récord de participación. A plataforma online abriuse ás 11:30 da mañá de onte, e ás 20:00 horas xa tiña contabilizadas 12.000 sesións de 9.000 usuarios únicos. Nese tramo horario fixéranse xa 2117 reservas para a diferente oferta formativa gratuíta da feira, que abrangue cursos de formación en liña, cursos en aula virtual, acceso ás plataformas LinkedIn Learning e Talentia IT Skills, certificacións oficiais de Oxford e o programa Minerva. Nalgúns casos rexistrouse un nivel de demanda tan alto que xa se esgotaron as prazas dispoñíbeis, fundamentalmente no que ten que ver coas certificacións oficiais de nivel de inglés.
Talentia ofertará máis de 3.000 prazas en diferentes programas formativos. Mil delas corresponden ao Talentia IT Skills, unha das grandes novidades este ano. Este programa inclúe formación e certificacións en tecnoloxía que se desenvolverán ao longo dun ano, en áreas clave como computación na nube, Big Data, Intelixencia Artificial, ciberseguridade, redes e programación; con cursos de fabricantes e institucións de referencia como Microsoft, Meta, Cisco Networking Academy e Python Institute. A oferta está pensada tanto para as persoas en fase de reciclaxe profesional como para aquelas que desexen dar os seus primeiros pasos no ámbito tecnolóxico.