Stephen Fry denuncia que lle roubaron a voz

luns, 18 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Durante a celebración do festival CogX en Londres o célebre actor Stephen Fry sorprendeu ao auditorio contando unha experiencia persoal na que deixa patente os grandes perigos que as tecnoloxías derivadas da intelixencia artificial poden supor para a carreira dos actores e que precisamente é un dos motivos polos que tanto guionistas como actores están en folga actualmente nos EE.UU.
Fry, membro do sindicato de actores en folga, lembrou precisamente que os usos da IA deben regularse, e como exemplo de abuso que propiciou a tecnoloxía reproduciu un anaco dun documental histórico no que podía escoitarse unha narración coa súa voz, tras o que confirmou que el non dixera ningunha desas palabras, senón que foron sintetizadas por unha intelixencia artificial alimentada polos 7 audiolibros de Harry Potter que si narrou o actor. Destacou que a voz sintetizada non era un resultado de cortar e pegar anacos de gravacións anteriores, senón que era capaz de modular a voz e adaptala ao significado de cada frase, de xeito que temos unha tecnoloxía que permite pór palabras na voz dun actor sen consentimento (nin coñecemento) pola súa parte.
Stephen Fry conversou sobre o tema cos seus axentes a ambos lados do Atlántico, e recoñeceron que isto era só o comezo, xa que falta pouco para que os vídeos deepfake sexan totalmente convincentes, polo que non só teremos voces sintéticas case imposibles de distinguir da orixinal, senón que tamén podería aplicarse o mesmo ao vídeo, o que permitiría contar con actores nunha produción sen a súa participación real.
Está claro que a tecnoloxía permitirá cousas que actualmente son imposibles, pero o que os actores queren agora é poder protexerse, de xeito que se alguén usa a súa imaxe ou voz, os compensen economicamente e incluso conten con seu consentimento, pois loxicamente non queren verse asociados a cousas coas que están en desacordo.