R e as universidades da Coruña e Vigo revalidan a súa aposta pola Cátedra R en Ciberseguridade un ano máis
venres, 31 de marzo do 2023
Os
reitores das Universidades da Coruña (UDC) e de Vigo (UVigo), Julio
Abalde e Manuel J. Reigosa, respectivamente, xunto a Alfredo Ramos,
director de R, asinaron na mañá deste venres 31 de marzo, na sede
coruñesa do operador galego, o convenio para a renovación da
Cátedra R en Ciberseguridade, a primeira cátedra interuniversitaria
galega que se creou en 2018 para responder ás crecentes necesidades
de coñecemento desta materia na sociedade e na empresa. A Cátedra,
na súa nova andaina, introduce “unha novidade substancial no seu
programa de actividades”, pois dende agora entre elas figurará a
promoción e fomento da contratación de prácticas curriculares e
extracurriculares do alumnado, explicaron.
Porén,
a Cátedra R manterá intactos os alicerces que a sosteñen dende hai
máis de catro anos para “promover o desenvolvemento das
competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a
capacitación e ampliar os coñecementos técnicos e habilidades dos
membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”.
Segundo engadiron Abalde, Reigosa e Ramos, a “meta última é
adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a
formación continua, a innovación e a investigación na área da
ciberseguridade”.
Trátase
, sinalaron, “dunha cátedra pioneira que abriu as portas á
colaboración entre universidades do territorio autónomo, dispostas
esta vez a traballar de xeito conxunto co operador galego R na
contorna da seguridade dixital”.
O
reitor da Universidade de Vigo, Manuel j. Reigosa, transmitiu a súa
satisfacción por “formar parte dunha alianza público-privada na
que se xuntan as universidades da Coruña e Vigo, onde temos
importantes centros de investigación relacionados coas TIC en xeral,
e contamos con especialistas de recoñecido prestixio a nivel
internacional . De feito, apuntou, “a cátedra xa ten amosado ser
unha ferramenta excelente para combinar as capacidades en I+D+i dos
tres axentes que formamos parte desta alianza ”.
Á
súa vez, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde,
agradeceu á empresa R que respalde a continuidade das accións
promovidas con esta Cátedra R e celebrou que ese cartafol se amplíe
arestora incluíndo, nas dúas universidades, prácticas para
estudantes, actividades “fundamentais de cara a que o alumnado
poida desenvolver o seu perfil profesional nutríndose da realidade
laboral ”. Ademais, resaltou a relevancia do apoio da Cátedra R ao
fomento da investigación e a innovación en seguridade dixital nun
contexto de incremento dos delitos a través de Internet.
Pola
súa banda, Alfredo Ramos asegurou que “para R segue sendo unha
noticia magnífica dar percorrido a este traballo compartido coas
universidades da Coruña e de Vigo, unha iniciativa que ten marcado
un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e
o sector das telecomunicacións galegas . Queda aberto o camiño para
que o público e o privado traballen conxuntamente a prol da
divulgación de coñecemento e experiencia sobre ciberseguridade,
afondando nos seus riscos e ameazas, desafíos e solucións . A súa
relevancia evidénciase de xeito exponencial nos últimos tempos,
actualmente na conxuntura de guerra en Europa e a crise económica
derivada dela. Temos que seguir traballando para garantir a
seguridade dixital de particulares e empresas; e a Cátedra R é unha
vía idónea para realizar con excelencia este obxectivo”,
manifestou.
Prácticas
en R e máis ciber-retos
Como
dixemos, as universidades galegas e máis R deseñaron unha Cátedra
á que agora lle dan continuidade incorporando o capítulo das
prácticas curriculares e extracurriculares en R. Trátase de dúas
bolsas anuais para a Facultade de Enxeñaría Informática da UDC e
outras dúas para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de
UVigo dirixidas a estudantes de Grao e de Máster, que poden incluír
a realización do traballo de fin de grao ou de fin de máster (TFG
ou TFM). A idea é capacitar profesionalmente os/as alumnos/as
realizando esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión
dun/dunha titor/a académico/a do centro onde realizan os seus
estudos. Para afrontar estes novos proxectos, a dotación económica
da Cátedra R aumenta nun 50 % con respecto á edición anterior.
Deste xeito, aplicaron os reitores e o director da compañía, “a
Cátedra R revalida, por unha banda, a súa vocación de abertura a
novas liñas de actuación e, por outra, a vixencia das actividades
que a fundamentan (formación, divulgación e investigación)”.
Ademais, mantense o patrocinio das Xornadas Nacionais de
Investigación en Ciberseguridade (XNIC), que este ano celebrarán a
súa VIII edición no mes de xuño para promover, coma sempre, o
contacto, intercambio e discusión de ideas, coñecementos e
experiencias entre a rede académica e de investigación, por unha
banda, e profesionais e empresas por outra.
A
Cátedra R seguirá igualmente organizando o concurso Capture The
Flag (CTF), o reto de ciberseguridade onde compiten profesionais
e/ou estudantes que poñen a proba os seus límites, habilidades e
destrezas para resolver os desafíos presentados. A segunda edición
de CTF celebrouse esta mesma semana no CITIC coruñés con
participación telemática de estudantes do Máster de
Ciberseguridade de Vigo.