Presentan Gemini, o novo modelo de IA de Google

xoves, 7 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Resulta curioso que actualmente OpenAI sexa o grande referente no mundo da intelixencia artificial xenerativa e modelos de linguaxe, cando a tecnoloxía na que se basean proviña principalmente de Google, compañía que quere corrixir a situación pasando á acción, e levando os avances aos seus produtos, en vez de limitarse a proxectos de investigación.
Nesta liña veñen de presentar Gemini, o modelo máis avanzado e capaz que crearon até o momento, construído dende cero para ser multimodal, polo que pode traballar con distintos tipos de información, como texto, código de programación, audio, imaxes e vídeo.
Tamén é destacable que Gemini 1.0 sexa un modelo moi flexible, que chega en tres tamaños diferentes: Gemini Ultra (o modelos máis potente, para tarefas de grande complexidade), Gemini Pro (o mellor modelo para escalar nunha ampla gama de tarefas) e Gemini Nano (o modelo máis eficiente, capaz de executar tarefas directamente nun dispositivo).
Este último punto é moi importante, xa que grazas ao aproveitamento do procesador Google Tensor G3 o smartphone Pixel 8 Pro pode integrar Gemini Nano, o que permite que as funcións de IA (como resumir na gravadora ou utilizar a resposta intelixente de Gboard dende WhatsApp) manteñan a confidencialidade dos datos ao non ter que saír do dispositivo (á vez que tamén poden funcionar sen acceso á Rede).
Dende Google aseguran que numerosas probas constatan que Gemini chega a superar a GPT 4 na meirande parte dos escenarios, e comezará a ofrecer esta tecnoloxía a desenvolvedores a partir do vindeiro día 13. Agora mesmo Gemini Pro xa estaría presente en Google Bard (o que sería a meirande actualización dende o seu lanzamento), aínda que polo momento limítase ao inglés (en español segue a dar uns resultados sumamente deficientes).
Google prevé levar Gemini a outros produtos como o buscador, a plataforma de anuncios ou o navegador web. Temos así que Google está no bo camiño para poder situarse ben nun eido que está a revolucionar o xeito no que vemos a tecnoloxía.