O Polo Aeroespacial impulsará a compra privada de innovación para os retos das firmas tractoras do sector

venres, 31 de marzo do 2023 S. P.

O Polo Aeroespacial de Galicia vén de dar un novo paso adiante no seu camiño de ser un referente mundial en materia de industria aeronáutica e UAV. Estamos a falar de dúas convocatorias (2023 e 2024) de Compra Privada de Innovación, na que as pemes e centros tecnolóxicos galegos formarán consorcios para dar resposta aos retos e necesidades tecnolóxicos das empresas tractoras do sector. Os detalles das convocatorias foron achegados en Madrid polo conselleiro de Economía, Francisco Conde, e a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Dotadas con 11,7M€ (con co-financiamento por parte do sector privado) estas dúas novidades permitirán “estender o ámbito de actuación do Polo colaborando no desenvolvemento tecnolóxico do sector”, sinalou Conde, salientando que esta nova figura seguirá permitindo que o Polo continúe “xerando pegada industrial”.
Así, dixo, “xunto co talento, coñecemento e capacidades que existen en Galicia neste eido, trabállase no deseño de solucións que se poidan fabricar, ofrecer e comercializar desde Galicia”.
Encontro en Madrid
Conde participou nun encontro en Madrid no que se presentaron os programas de I+D dos novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia: Airbus, Avincis e Telespazio. Con estas empresas estase traballando para poder levar o uso de vehículos aéreos non tripulados a novos servizos como a prevención de incendios, a vixilancia pesqueira ou a atención sanitaria.
O vicepresidente económico puxo en valor a colaboración público-privada, “xa que é un dos puntos fortes no impulso do Polo Aeroespacial de Galicia”, dixo, referíndose tamén ao compromiso da Administración galega con este sector poñendo á súa disposición o maior marco de incentivos a través da compra pública de innovación, a compra pública precomercial e agora a compra privada de innovación.
O obxectivo dos instrumentos postos en marcha, engadiu, é “o desenvolvemento de tecnoloxías no eido aeroespacial que permitan resolver retos tanto do sector como da Administración pública á hora de prestar os seus servizos á cidadanía”.
Desde a posta en marcha en 2015 desta estratexia, xa se mobilizaron preto de 500M€ de investimento público-privado (330 nesta segunda fase). Neste sentido, Conde considerou fundamental contar co apoio do Goberno a través dos fondos europeos para que as empresas “poidan desenvolver máis programas co reto de que estes fondos teñan un impacto na transformación do tecido industrial”.
Na súa intervención, Conde puxo en valor a importancia que este Polo está tendo na xeración dun verdadeiro ecosistema empresarial no que as compañías tractoras están tendo, tamén, un papel fundamental. Así, 70 pemes e centros de coñecemento están creando tecnoloxía propia no segmento aeroespacial actualmente en Galicia.

PUBLICIDADE