O Messenger xeneraliza o cifrado de extremo a extremo

xoves, 7 de decembro do 2023 Marcus Fernández

En 2016 o Messenger de Facebook estreou a opción de cifrar de extremo a extremo as súas conversas, e agora esta seguridade nas comunicacións deixa de ser opcional e convértese no xeito predeterminado de intercambiar mensaxes persoas e chamadas a través do Messenger e Facebook.
Meta levaba anos prometendo esta mellor na seguridade das súas ferramentas de mensaxería, e finalmente as aplicou, para que as comunicacións queden protexidas de miradas alleas, e nin sequera dende Meta poidan coñecer os contidos intercambiados, do mesmo xeito que acontece en WhatsApp.
Esta novidade non chega soa, senón que tamén pasan a incorporarse ao Messenger as funcións de editar mensaxe (podendo corrixir un texto até 15 minutos despois de envialo), mensaxes efémeras (que duran só 24 horas tras o seu envío), a posibilidade de escoitar as mensaxes de voz aceleradas a 1.5x ou 2x, mellora o intercambio de imaxes e vídeos e ofrece un maior control sobre as confirmacións de lectura.
Estas novidades sorprenden polo feito de que non estivesen presentes anteriormente, deixando claro que o Messenger estaba bastante por detrás do WhatsApp, pese a ser ferramentas da mesma compañía.

PUBLICIDADE