O Messenger permite establecer conversas cifradas de extremo a extremo

mércores, 5 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Nos últimos meses un reducido grupo de usuarios de Facebook tiñan a posibilidade de manter conversas cifradas de extremo a extremo a través de Messenger, pero agora a aplicación móbil de mensaxería da empresa de Mark Zuckerberg abriu esa posibilidade a todos os usuarios, de xeito que agora calquera pode manter conversas secretas cos seus contactos, sendo preciso acudir á sección de configuración da aplicación, na sección de Conversaciones secretas para activar esta opción de cifrado.
Con esta funcionalidade non pasan a protexerse de miradas alleas todas as conversas, senón só as que iniciemos como conversa secreta, xa que con tal opción as comunicación realizaranse dun xeito semellante ao que acontece con WhatsApp, ou sexa, de dispositivo a dispositivo, sen almacenar Facebook unha copia das mensaxes, o que supón un plus de seguridade, aínda que pecha o acceso á conversa dende outros dispositivos, o que pode dificultar a comunicación ou facer que perdamos información.
Polo momento as conversas secretas só están dispoñibles para comunicacións entre dous interlocutores, non podendo aplicarse ás conversas en grupo.
Para poder empregar esta nova funcionalidade é preciso contar cunha versión recente do Messenger de Facebook, e pode sorprender que esteamos ante unha prestación que precise da súa activación expresa, o que pode responder ao feito de que algúns usuarios pode confundilos o xeito de que as conversas secretas iniciadas no móbil non poidan continuarse na versión web do servizo.