O INIBIC, o CiTIUS e Diversa, distinguidos pola RAGC e GAIN

mércores, 7 de xuño do 2023 S. P.

O equipo de Angélica Figueroa, do INIBIC

A novena edición dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023, encamiñados ao recoñecemento do traballos de investigación aplicada, transferencia de coñecemento e implantación de tecnoloxía empresarial, vén de fallar os galardóns por parte da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN). Distinguiuse o labor dos científicos do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC) liderados por Angélica Figueroa, o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, e máis a empresa Diversa.
Cómpre dicir que nesta edición recibíronse un total de 31 propostas para as tres categorías do certame, estando o xurado composto pola secretaria da RAGC, Pilar Bermejo, como presidenta do xurado; e, como vogais, Alicia Estévez, vicepresidenta da RAGC; Fernando Pérez, responsábel de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerceu como secretario do xurado; María José Mariño e Elena Polo, de GAIN; Judit Nogueiras do IGAPE; e Alfredo Ramos, da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Os tres traballos recoñecidos recibirán un premio de 6.000 euros cada un, nun acto que se celebrará o 21 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
O premio Francisco Guitián Ojea a un traballo de investigación aplicada recoñece a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. Recaeu no proxecto de desenvolvemento dun fármaco innovador contra o cancro de colon metastático, de científicos do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), liderado por Angélica Figueroa.

O equipo do CiTIUS de Alberto Bugarín

En canto ao premio Fernando Calvet Prats, a un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación foi para o Grupo de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago, coordinado por Alberto Bugarín. Desenvolveu unha tecnoloxía en minería de procesos e xeración de linguaxe natural referente a nivel mundial, proceso que culminou coa creación da empresa InVerbis Analytics. “A minería de procesos é unha disciplina da Intelixencia Artificial que investiga en algoritmos e modelos de datos que permiten descubrir e representar o desempeño real dos procesos nas organizacións, co fin de mellorar a súa eficiencia, posto que todos os procesos informatizados deixan unha pegada dixital nos sistemas de información das empresas”, explican.

As responsábeis da empresa Diversa

Para rematar, o premio Ricardo Bescansa Martínez, a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a empresa Diversa Technologies. Nace en 2022 como unha spin-off biotecnolóxica xurdida da Unidade de Nano-Oncoloxía e Terapéutica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e do Servizo Galego de Saúde. A súa orixe baséase na transferencia da nanotecnoloxía desenvolta e patentada polo devandito grupo, baseada en lípidos non tóxicos e biodegradábeis para mellorar a distribución e liberación de moléculas terapéuticas e, por tanto, óptima para o desenvolvemento de novos fármacos. A finalidade desta tecnoloxía é mellorar a vida dos pacientes pero tamén se pode adaptar a moitas outras aplicacións como a nutracéutica e a cosmética.

PUBLICIDADE