O INEGA renova a súa web con novos contidos e maior accesibilidade

martes, 8 de abril do 2008 Raquel Noya

O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) vén de poñer en marcha a súa nova páxina web na que se introducen novos contidos e unha información máis ampla do sector enerxético en Galicia.
Con este cambio, o INEGA quere facer chegar a tódolos usuarios os datos e liñas de traballo nos que na actualidade desempeña a súa función este organismo dependente da Consellaría de Innovación.
Malia que o enderezo é o mesmo, esta nova interface é máis doada de manexar e os internautas que non sexan expertos no manexo de Internet non terán problema para moverse pola nova web. Asemade, o INEGA achega, como novidade, unha guía de consellos prácticos para o aforro e eficacia enerxética, así como o acceso ás publicacións realizadas polo Instituto para ser descargadas en formato pdf de xeito cómodo e rápido.
A páxina tamén deixou un co para a exposición itinerante Un mundo de enerxía, que conta co seu propio espazo no que os internautas poden consultar os lugares e horarios nos que estará aberta ao público nas diferentes cidades galegas.
No referente aos cursos ofrecidos polo organismo, a web permite que os usuarios se inscriban en liña e reciban por correo electrónico boletíns e información relativa aos mesmos.
Estas novidades no sitio do INEGA compleméntanse con outras ligazóns de interese para os usuarios, que poderán acceder á información requirida en cada momento de xeito máis rápido e doado que na web anterior.

PUBLICIDADE