O Concello de Bueu activa a súa Oficina Virtual Tributaria

mércores, 11 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

O Concello de Bueu vén de activar un servizo tecnolóxico para facilitar ao máximo os pagamentos da cidadanía, tanto a nivel de axilización dos trámites como de comodidade e seguridade. Estamos a falar da Oficia Virtual Tributaria (OVT) local, un portal para que permite aboar taxas a través da Rede e cuxa posta en marcha coincidiu co comezo do período de cobranza do Imposto de Bens Urbanos (IBI) que se abriu o pasado 29 de xuño e que estará dispoñíbel até o 31 de agosto. O principal requirimento para usar esta canle é introducir o DNI e a referencia de cobro no apartado Pagar os meus recibos habilitado na web oficial do Concello, www.concellodebueu.gal.
Segundo salientou Félix Juncal, alcalde de Bueu, unha das principais características do servizo é que se trata “dunha ferramenta que fomenta os mecanismos de acceso aos trámites tributarios e reduce os tempos de agarda”. Esta mellora súmase á recente renovación da páxina web municipal, coa que “continuamos impulsando a participación cada vez máis activa da cidadanía na administración”, subliñou o rexedor.
Porén, as posibilidades da OVT non rematan no devandito e son “moito máis amplas”. Por exemplo, permiten acceder (mediante certificado dixital) á conta tributaria co Concello, dende a que poderán realizar operacións como as seguintes: os seus valores en voluntaria, executiva ou os que estean incluídos nun expediente de constrinximento, expedientes de xestión, bens que constitúen obxectos tributarios, localización na cartografía oficial do Catastro, domiciliación dos recibos, alta de autoliquidación de vehículos, pagamento de recibos, modificación dalgúns datos persoais, consulta de recibos anulados, xustificante de recibos pagados, impresión de documentos cobratorios ou identificación de condutor en sancións de tráfico.

PUBLICIDADE