O Chiki Chiki, o máis visto en YouTube de todos os representantes de Eurovisión

luns, 7 de abril do 2008 Raquel Noya

O representante español ó festival de Eurovisión 2008, o ídolo de masas que non deixa a ninguén indiferente co seu estilo, Rodolfo Chikilicuatre, segue a arramplar con todo alá por onde vai e xa é a candidatura máis vista no popular sitio de vídeos YouTube, con máis de 8 millóns de visitas a falta de dous meses para a celebración do concurso en Belgrado.
Así o asegura a web oficial do festival, que vén de dar a coñecer a listaxe das dez candidaturas máis vistas en YouTube polos internautas. Nela, o noso peculiar Elvis supera ó representante de Turquía (que ocupa o segundo posto) en máis de 7 millóns de visitas e está moi por enriba doutros países que non pasan do medio millón, entre eles o país anfitrión, Serbia, que pecha a listaxe con 220.000 visitas.
Por primeira vez este ano, o festival máis friki por excelencia, consta de dúas semifinais nas que participarán 38 países distribuídos a partes iguais en cada unha delas.
Na final, que terá lugar o día 24 de maio, competirán polo primeiro posto un total de 25 países entre os que xa se atopa España, non polo número de fans que ten espallados Rodolfo por toda Europa, senón por ser un membro destacado da Unión Europea de Radiodifusión (UER) xunto co Reino Unido, Alemaña, Francia e España.

PUBLICIDADE