Nova cidade Wi-Fi: Albacete

martes, 4 de agosto do 2009 Fernando Sarasketa

Continúa a espallarse a Rede coma un servizo público máis, accesible a nivel de rúa para aqueles espazos urbanos onde non se corre risco de incurrir en competencia desleal coas empresas. Agora toca falar dunha cidade que non nos queda precisamente preto, Albacete, pero que grazas á súa aposta pola rede sen fíos pasa a formar parte dese tecido de urbes dixitais que todo viaxeiro internauta debería levar rexistrado no seu caderno de recursos. Segundo informa o caderno Lavidawifi.com, dentro de dous meses a cidade manchega contará con conexión sen fíos (Wi-Fi) de balde.
A iniciativa, retomada polo actual equipo de goberno a raíz dun proxecto da anterior lexislatura, incluirá seis áreas de conexión: o Concello, os centros socioculturais de El Ensanche e El Pilar, os Depósitos do Sol, a estación de autobuses e máis a Posada do Rosario.
Por certo que estas zonas achegan á súa vez outras áreas de acceso, máis localizadas, o que dá como resultado untotal de 44 puntos. A iniciativa, malia contar cunha distribución detallada das áreas dixitais, aínda non está cen por cen ultimada. Por exemplo: queda por saber cómo se explotará e cal serán as modalidades de uso para acceder á infraestrutura. O que si se sabe é que a firma encargada do equipamento foi finalmente Telefónica, sendo o custe do mesmo de máis de 180.000 euros.

PUBLICIDADE