Neuralink amosa ao primeiro paciente en recibir un dos seus implantes cerebrais

mércores, 20 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Se ben Neuralink non é a empresa líder en implantes cerebrais, nin é a primeira en realizar probas en humanos con esta tecnoloxía, ao ter entre os seus fundadores a Elon Musk consegue un nivel de visibilidade moi superior ao da competencia, de xeito que as súas primeiras probas con humanos están a converterse en todo un fenómeno.
A compañía de neurotecnoloxía realizou o seu primeiro implante con éxito nun ser humano o pasado 28 de xaneiro, anunciando que o paciente se recuperaba ben e que a operación parecía ser un éxito, e agora van un paso máis aló e realizan un directo en vídeo no que podemos ver a ese paciente, que perdeu a movilidade de pescozo para abaixo, aproveitando o seu implante cerebral para mover un cursos na pantalla do seu ordenador portátil, para así poder xogar ao xadrez, comentando que tamén está a ser quen de xogar a Civilization VI.
Cómpre sinalar que este paciente chamado Nolan Arbaugh, de 29 anos de idade e que quedou paralizado nun accidente de mergullo hai 8 anos, xa xogaba habitualmente no seu ordenador, pero tiña que facer tal mediante outros dispositivos de asistencia que podía controlar coa súa boca, polo que a tecnoloxía de Neuralink faille máis doada e natural esta actividade, aínda que coa desvantaxe de ter que pagar ás 8 horas para recargar a batería do implante.
Arbaugh recoñece que a experiencia co implante está a resultar positiva, aínda que houbo problemas inicialmente e aínda ten moito que mellorar. Conclúe asegurando que «non quero que a xente pense que isto é a fin do camiño. Hai moito que facer, pero a min xa me mudou a vida».

PUBLICIDADE