Miguiapractica.com: rede social galega para compradores e vendedores

mércores, 8 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

O modelo de rede social, sempre que teñamos os pés nos chan (e isto vai polo que está a pasar con Keteke, que logo de 10 millóns de euros en promoción está a darse cun canto nos dentes), ten un potencial ben amplo. Baséase nun principio que o ser humano desenvolve dende moi cedo e que logo potencia ás veces até o radicalismo: a busca de xente afín con intereses afíns. Tendo en conta isto, a súa aplicación ao ámbito do negocio e o comercio case semella unha veta sen explotar, e máis aínda onde a Rede, polos motivos que sexan, aínda non acadou a nota máis alta en materia de afianzamento. Disto, de coller un ámbito onde se necesita máis cooperación e Rede 2.0 é do que trata a iniciativa que presenta Vieiros e que consiste nun espazo social onde se interconecta a empresas e clientes da nosa terra, entre si e cos outros de máis alá.
O servizo, de nome Miguiapractica.com, foi posto en marcha por un grupo de emprendedores galegos coa idea de facilitar o día a día dos consumidores (que verán na web unha guía de produtos e servizos feitos e desenvolvidos dentro da nosa xeografía), e tamén dos responsables dos negocios (que poderán tirarlle partido para acurtar toda a distancia posible cos compradores).
O xeito de actuar que se lles achega aos primeiros é semellante á de calquera rede social: teñen liberdade para buscar produtos, probalos e dar logo a súa opinión. Este punto de vista persoal será logo un dos principais valores da web, ao ser tida en conta (de maneira individual e máis en conxunto) como guía de consumo feita, precisamente, polo consumidor. Polo que respecta aos emprendedores, terán marxe de abondo para entrar no xogo con todos os riscos que este achega: se o produto que promoven gusta, os clientes xa se encargarán de facelo saber, sendo unha fonte de promoción inmellorable. Pola contra, se o produto non gusta, terán que asumilo e afrontalo con melloras sobre este ou ben con novas estratexias.
Ao tratarse dunha rede social, o único requisito que se nos pide é efectuar un rexistro. As súas vantaxes son obvias: para os usuarios da Rede facilita o camiño de compra ou aluguer dun servizo ou produto, e para os empresarios supón un pulo importante ao seu labor de marketing (os clientes contribúen a isto en gran medida). Polo que respecta as opinións vertidas polos usuarios, dicir que se expresarán en clave multicanle: a través de etiquetas, imaxes ou mesmo vídeos.

PUBLICIDADE