MásOrange preséntase en sociedade

mércores, 3 de abril do 2024 Marcus Fernández

Orange España e o Grupo MásMóvil anunciaron hoxe oficialmente o lanzamento de MásOrange, a compañía resultante da fusións das súas operacións, o que se traduce nun operador máis forte e con maior capacidade de investimento, mantendo boa parte das súas marcas, como Pepephone, Simyo o a propia R.
Entre as pequenas operadoras integradas en MásOrange si hai unha que di adeus, e pasa a depender doutras das marcas menores. Falamos de Oceans, compañía nacida na Coruña, que tras unha desastrosa xestión rematou sendo adquirida por MásMóvil, e que agora perde a súa identidade para responder ao nome de Hits Mobile, o que podemos entender en boa medida como un xeito de desprenderse da mala sona arrastrada pola etapa de xestión galega da compañía.
A partir de hoxe a identidade visual corporativa de MásOrange é oficial, confirmándose o logotipo formado polo signo + e a letra O, que busca simbolizar unha imaxe integradora, sinxela e fiable, que coas cores negra, branca e laranxa pretende crear unha imaxe máis moderna e fresca, xuntando os atributos das compañías fusionadas.
MásOrange pasa a ser o operador con maior número de clientes de España, con máis de 30 millóns de servizos móbiles, 7,3 millóns de liñas de banda larga e 2,3 millóns de usuarios de televisión. Presume de ter unha cota de mercado superior ao 40% en fixo e móbil, unha rede FTTH que chega a máis de 29 millóns de fogares e un equipo profesional composto por máis de 8.500 traballadores directos.
Confirma que manterá a súa estratexia multimarca, con 9 marcas estatais (Orange, Yoigo, Jazztel, MásMóvil, Simyo, Pepephone, Lebara, Lyca e Llamaya) e 5 a nivel rexional (Euskaltel, R, Telecable, Guuk e Embou) adaptándose así a diferentes necesidades de clientes residenciais, empresas e administracións públicas por toda a xeografía española. De feito, presumen de que Euskaltel, R e Telecable seguirán a ser referentes nos seus respectivos mercados, podendo beneficiarse dos plans de investimento, innovación e impacto positivo grazas á súa integración en MásOrange.

PUBLICIDADE