Manuel Caeiro (atlanTTic) móstranos este mércores as diferentes correntes do movemento hacker

luns, 20 de maio do 2024 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra, ao abeiro das actividades do seu V Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos (que busca achegar a ciencia e a tecnoloxía ao alumnado de Secundaria e Bacharelato e que está coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago e vicepresidenta da RAGC Alicia Estévez Toranzo) achéganos este mércores 22 de maio unha nova sesión.
Será no IES A Paralaia de Moaña, ás 12:20 horas, e aproximaranos ao concepto de piratas informáticos: que buscan, como actúan e cales son as ideas preconcibidas sobre a súa actividade que temos que desbotar. En concreto, falarase das grandes contribucións (positivas) de moitos deles para optimizar a seguridade dos sistemas.
A charla Ser ou non ser hacker e o dilema dos sombreiros será impartida por Manuel Caeiro Rodríguez, profesor titular de Enxeñaría Telemática da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, ademais de investigador do centro atlanTTic da UVigo.
O investigador adianta que “cada día prodúcense ao noso redor ataques informáticos nos que se rouban datos, se manipulan documentos, se secuestran equipos ou se fai uso de ordenadores zombis para cometer actividades delitivas”. Nesta liña, apunta que “os hackers ou piratas informáticos parecen estar detrás destes incidentes, pero, ao mesmo tempo, tamén son unha peza clave para a protección e a seguridade”. Sinala que existen diferentes tipos de hackers, que se definen en canto á súa ética pola cor do seu sombreiro: brancos, negros, grises, vermellos ou azuis. O alumnado coñecerá as diferenzas que existen entre eles e cales son realmente perigosos ou útiles.
Na súa intervención, o experto explicará que o hacking adoita asociarse co cibercrime e a realización de accións ilícitas ou mesmo criminais. “Os ciberdelincuentes, nalgúns casos hackers de sombreiro negro, usan as súas habilidades para roubar información confidencial, como datos financeiros ou información persoal, que despois poden usar para fraude, extorsión ou roubo de identidade. Os ataques de ransomware, que cifran os ficheiros dunha vítima e esixen un pago pola súa liberación, son cada vez máis comúns e poden ter efectos devastadores”, salienta, engadindo que malia todo hai casos nos que os hackers teñen un papel positivo. Son os piratas éticos ou de sombreiro branco, que empregan as súas habilidades e coñecementos para identificar vulnerabilidades nos sistemas e redes informáticas, e despois traballan coas organizacións para solucionalas. “Esta práctica axuda a mellorar a seguridade dos sistemas e protéxeos de ataques maliciosos”, adianta o experto, engadindo que “o hacktivismo é outra forma de piratería na que os piratas usan as súas habilidades para promover causas sociais ou políticas”. Por exemplo, o grupo Anonymous, “que ten como obxectivo organizacións e gobernos que consideran que están a realizar comportamentos pouco éticos, como censurar Internet ou suprimir a liberdade de expresión”, sinala.