Máis de 250 persoas participan en Santiago en GaliciaTIC 2024

xoves, 7 de novembro do 2024 S. P.

Máis de 250 persoas participaron este xoves 7 de novembro na edición 2024 do histórico congreso tecnolóxico GaliciaTIC, foro organizado pola Asociación de Empresas Tecnolóxicas de Galicia (Ineo) no que se debateu principalmente sobre o impacto que a Intelixencia Artificial ten no ámbito empresarial e na vida dos cidadáns. O evento, que este ano chegou en Compostela (na Cidade da Cultura) á súa 22a edición, foi inaugurado pola conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana.
Na súa intervención, Lorenzana referiuse á consolidación do ámbito TIC na comunidade galega. “É un sector frutífero e dinámico”, afirmou a titular de Economía e Industria, cun “4,2% máis de empresas creadas ao seu redor no último ano” ata chegar a case 4.200 e 30.000 empregados. Engadiu tamén que as firmas TIC galegas representan “un 5% do total das existentes en España”. A conselleira aproveitou a cita para a anunciar a creación dunha área específica de innovación no ámbito industrial, dotada con máis de 60M€ nos orzamentos de 2025, para fortalecer o tecido produtivo.
Pola súa banda, a presidenta do Ineo, Lourdes Guerra, definiu GaliciaTIC como un “foro de converxencia entre tecnoloxía, sustentabilidade e innovación” e referiuse a el como unha “plataforma de aprendizaxe, un motor de acción para formar parte do cambio cara a un futuro humano". Por último, tamén aludiu ás perspectivas de colaboración e empresariais que poden xurdir en cada edición do foro posto que se concibe en certo modo como unha panca de networking.
No foro tamén interveu Ignasi Belda, nomeado director da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) en xuño, quen abordou na súa intervención o papel do organismo que dirixe para consolidar a IA e garantir que non se converta “nunha onda que pasa”. Seguindo este fío debullou a normativa europea de Intelixencia Artificial que clasifica estas ferramentas intelixentes en catro categorías: as de risco inaceptábel (en Europa); as de risco medio- alto e risco medio (en cuxo funcionamento pode haber unha vida humana en perigo, un dereito fundamental en risco, que pode afectar ao medio ambiente ou que pode danar infraestruturas críticas) e as de risco cero, “que son o 90 ou 95% das aplicacións de Intelixencia Artificial”, segundo o relator.
Pola súa banda, o experto José Ramón Monleón, de +Orange, analizou os riscos da Intelixencia Artificial. Neste sentido, defendeu a necesidade de "protexelos" para que poidan ser utilizados só para o que "se definiron" e advertiu sobre as IA gratuítas. "Cando algo é gratis, o produto es ti", dixo.
Regulamento, ética e seguridade
O foro conta coa participación de 30 expertos como moderadores e relatores ao longo da xornada e nesta edición acordouse coa Asociación para o Progreso da Dirección organizar unha mesa de debate específica para directivos de calquera tipo de empresas, interesados en coñecer as novidades, avances e tendencias tecnolóxicas.
Na súa intervención, o subdirector xeral da APD, Santiago Sesto, sinalou que para o desenvolvemento da IA é fundamental que non haxa "unha regulación excesiva" e, ademais, considerou "moi importante" a parte ética. "A ética débese aplicar e exercer cos modelos de IA que desenvolve cada empresa ou organización", engadiu. Por último, tamén aludiu á seguridade e á formación das persoas que a utilizan como alicerces sobre os que construír o futuro da IA.
O programa deste foro tamén aborda, ao longo de toda a xornada deste xoves 7 na Cidade da Cultura, temas de actualidade e tendencias para o sector TIC galego como o investimento sostíbel en TI. Tamén programa mesas temáticas sobre como combinar tecnoloxías para multiplicar resultados ou riscos e oportunidades dunha IA democratizada. Paralelamente, fai referencia a como conectar talento e tecnoloxía e detalla as claves para desenvolver un produto de software paso a paso.
Captación de talento
Xunto a isto, GaliciaTIC volve contar cunha feira de emprego in situ. Nunha ducia de stands de diferentes empresas que queren captar talento TIC, conectáronse 180 estudantes de catro ciclos de Formación Profesional relacionados coas TIC, así como estudantes universitarios e de escolas de negocios con perfís tecnolóxicos, con algunhas das firmas máis representativas deste sector de actividade, que representa o 3% do PIB galego.