Inaugurado o Coworking Dixital Ccompostela da Cámara de Santiago
venres, 31 de marzo do 2023
Este venres 31 de marzo inaugurouse en Santiago un
novo centro de innovación e traballo colaborativo, impulsado pola
Cámara de Comercio local, a Deputación e o Concello e incorporado á
Rede de Centros de Traballo Colaborativo da entidade provincial.
Estamos
a falar do Coworking Dixital Ccompostela, centrado como se indica
no seu nome en acubillar e impulsar proxectos relacionados coas
tecnoloxías da información.
O alcalde Xosé Sánchez Bugallo, a presidenta da
entidade cameral María Pais Fajín, e o deputado de emprego José
Ramón Rioboo participaron na inauguración do Coworking Dixital
Ccompostela, e destacaron a importancia de “crear espazos de
sinerxías e innovación” de “de que este tipo de centros de
traballo colaborativo estean especializados por sectores, xa que
favorecen o xurdimento de colaboracións entre as distintas persoas
usuarias”.
O Coworking Dixital Ccompostela busca apoiar a
transformación das pemes na súa dixitalización, como vía
necesaria para reforzar a súa produtividade, a súa competitividade,
o seu crecemento e a súa internacionalización.
Prevese que este centro impulse a dixitalización
de máis de 350 empresas durante 2023 a través de servizos dixitais
personalizados.
Para a súa posta en marcha, a Cámara de Santiago
contou cun investimento de 300.000 euros, executados en dúas fases:
a primeira realizada con fondos FEDER e a segunda, co apoio do INCYDE
e da Deputación da Coruña, que comprometeu 188.947,52 euros, o 20%
do custo total.
María Pais Fajín destacou que o CCompostela é
un proxecto global, que porá a disposición de empresas e persoas
emprendedoras un espazo coworking con equipamento tecnolóxico
e programas específicos de acompañamento, incubación e aceleración
de empresas, ademais de todos os servizos que a Rede Provincial de
Coworking da Deputación oferta a todas as persoas usuarias.
Segundo fixeron saber, as empresas que desenvolvan
neste espazo os seus proxectos empresariais poderán participar en
máis de 40 actividades programadas ao longo dos próximos meses que
se celebrarán en Santiago, así como nos 32 municipios do sur da
provincia da Coruña, xa que, como todos os centros da Rede, o
coworking dixital Ccompostela ten un marcado carácter
supramunicipal. O seu ámbito de actuación será o mesmo que o da
Cámara de Comercio de Santiago, que comprende un total de 32
concellos da provincia: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro,
Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide,
Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Pobra do
Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de
Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.
Durante a inauguración tamén tomaron a palabra
Natalia Vázquez Poza, directora de proxectos FEDER da Fundación
INCYDE, o outro organismo co-financiador do proxecto; Nuria Alonso
Santamaría, directora en MOVE Estrella Galicia Dixital, que expuxo
os novos modelos de negocio e as novas oportunidades que supón a
transformación dixital; Fany Suárez Mansilla, subdirectora de
investimentos e startups do IGAPE; e, para clausurar o evento,
Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela, destacou a
importancia deste tipo de espazos de traballo colaborativo, nos que
se xeran sinerxías e se fomenta a innovación do tecido
empresarial.
A posta en marcha do Coworking Dixital Ccompostela,
dixo, incidirá directamente no crecemento económico da zona, “a
través da especialización tecnolóxica nos sectores produtivos
industriais, mediante a aplicación de tecnoloxías dixitais, todo
iso baseado nun modelo innovador de transferencia de coñecemento”.
Rede Provincial de Espazos de Traballo
Colaborativo
A Rede Provincial de Coworking da Deputación da
Coruña, en continuo crecemento desde a súa posta en marcha en 2018,
conta xa con 11 espazos adheridos que prestan servizos de fomento do
emprendemento e asesoramento na creación de empresas con carácter
supramunicipal e especializándose nos sectores estratéxicos de cada
comarca.
Actualmente conforman a Rede o coworking Pazo de
Arenaza en Oleiros, o centro de transformación Daquí Darredor en
Brión, o LAB Barbanza en Boiro, o espazo A Proa en Ames, o centro de
desenvolvemento comarcal de Moeche, o Green Coworking das Pontes, o
centro de emprendemento A Estación de Vedra, o Coworking Dixital
CCompostela de Santiago, o Coworking A Pobra, o Coworking A Capela e
o Coworking Fórum Carballo.