GaliciaDigital reivindica ao escritor Manuel Rodríguez López cunha iniciativa transmedia

martes, 8 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

GaliciaDigital está a impulsar dun tempo a esta parte unha iniciativa de promoción cultural de índole transmedia. Trátase dunha iniciativa para recuperar, reivindicar e visualizar ante a sociedade galega a figura do escritor Manuel Rodríguez López, natural de Paradela (onde foi recoñecido como Fillo Predilecto) e, en palabras de Méndez Ferrín, “o máis importante poeta obreiro da Galicia de segunda metade do século XX”. A proposta de GaliciaDigital, que quere propoñer a Rodríguez López para o Día das Letras Galegas, artéllase a través das seguintes accións: un portal web activo dende o ano pasado que recolle a obra completa do autor e o máis salientábel da súa biografía, unha versión do dito portal en catalán, folletos informativos, unha exposición itinerante, unha campaña informativa con Oficina Móbil, a publicación da obra completa do autor e un DVD de homenaxe (previstas estas dúas últimas accións para 2014).
Por certo que este mércores 9 de abril, ás 17.30 horas, está prevista no Museo do Pobo Galego (Santiago) a inauguración da mostra itinerante Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro, promovida por GaliciaDigital e a familia do escritor, contándose co apoio do Concello de Paradela, o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e as Secretarías Xerais de Política Lingüística e Cultura da Xunta. Por certo que neste caso particular do museo compostelán, tamén se conta co apoio do Concello e o propio Museo do Pobo Galego. A exposición é ante todo un percorrido visual pola vida e obra do autor homenaxeado. Nela, lémbrasenos que naceu en Paradela e que moi neno tivo que marchar cos seus pais da súa terra, máis polo miúdo cara a Catalunya, onde desenvolveu unha importante carreira literaria que culminou na súa etapa lucense até o seu pasamento o 13 de febreiro de 1990.
Como dixemos, as mostras estanse acompañando dun portal web que xa leva un tempo en activo e que inclúe, entre outras cousas, diferentes seccións (biografía, obra, premios, opinións) para achegarnos á figura de Manuel Rodríguez e (tamén) a unha cuestión concreta moi relacionada coa súa vida e que estes días está por desgraza especialmente vixente: a cuestión da emigración. Amais do devandito, tamén se inclúe un apartado multimedia con testemuñas gráficas e sonoras do poeta, reflectíndose a súa participación en todo tipo de eventos culturais.

PUBLICIDADE