GTA VI adianta a publicación do seu primeiro tráiler

luns, 4 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Nas últimas semanas había moita expectación de cara á publicación do primeiro tráiler de Grand Theft Auto VI, e incluso o anuncio de que o vídeo fose a publicarse este martes ás tres da tarde tivo moita repercusión, deixando claro que non estamos ante un fenómeno calquera, senón ante a secuela do produto cultural de maior facturación de todos os tempos.
Pero a planificación de Rockstar Games tivo que mudarse a última hora, xa que o primeiro tráiler de Grand Theft Auto VI filtrouse, e o estudio reaccionou do xeito que consideraron máis razoable: adiantando a publicación do tráiler oficial, que xa podemos ver no seu esplendor, deixando claro que a nova entrega da saga será un auténtico xogo de nova xeración.
Os seareiros da franquía teñen agora que xestionar emocións encontradas, xa que por unha banda están a ver un adianto dun xogo que parece que vai cumprir coas expectativas creadas pero, por outra banda, anuncian que o título non verá a luz até 2025, polo que haberá que agardar máis dun ano antes de poder pór as mans enriba a un novo GTA.
Un dos detalles que máis agradecen os seareiros da saga é que GTA VI estará ambientado en Vice City, unha cidade ficticia inspirada en Miami na que xa transcorrera o segundo xogo baseado en GTA 3 que saíu á venda en 2002, permitindo así recuperar un contorno familiar moi característico.
Tamén preséntase aos protagonistas desta nova entrega: unha parella que mestura o seu romance cunha vida criminal, da que sabemos que a muller ten por nome Lucía.
Moito se terían que torcer as cousas para que non esteamos ante un dos xogos de máis éxito da década, aínda que será case imposible que poida superar os ingresos xerados por GTA V, xa que falamos dun xogo que leva dando guerra xa máis de 10 anos, podendo xogarse en 3 xeracións de consolas diferentes, algo sobre o que non hai precedentes.

Primeiro tráiler oficial de Grand Theft Auto VI

PUBLICIDADE