DivX ábrese máis camiño: xa son 100 millóns os dispositivos compatibles vendidos

martes, 21 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

O DivX acáelle á Rede coma unha luva, sobre todo dende que caemos na conta de que é un formato máis ou menos manexable para o trasfego en Internet: os arquivos en DivX son máis lixeiros cós de DVD e, hoxe en día, case os igualan en calidade. O caso é que DivX, que hoxe en día é unha marca con todas as da lei (DivX Inc.) semella ir cara a adiante coma un coche tuneado en pista de probas: a casa propietaria da licenza vén de anunciar que os seus socios tecnolóxicos xa venderon máis de 100 millóns de dispositivos compatibles, e todo iso dende o lanzamento oficial do programa, en 2003.
Isto que significa? Pois basicamente que hai todo tipo de reprodutores deste formato no mercado, até un total de 2.500 diferentes e que van dende o clásico lector de DVD até os teléfonos móbiles. Segundo datos da compañía, hoxe en día un terzo dos devanditos lectores que ha nas tendas reais e virtuais de todo o mundo son quen de reproducir o seu formato. Xa no plano máis técnico, cómpre sinalar que DivX é un códec de vídeo comprimido baseado nos estándares MPEG-4 que comezou a deseñarse como unha feitura para a transmisión da televisión dixital de alta definición a través do devandito estándar.

PUBLICIDADE