Dezaoito comerciantes e praceiros de Vilagarcía inician a dixitalización dos seus negocios

xoves, 19 de setembro do 2024 S. P.

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía pon en marcha esta semana o programa Dixitaliza Vilagarcía, destinado a revitalizar o pequeno comercio local avanzando no proceso de transformación tecnolóxica. Coa participación de 18 comerciantes e praceiros da localidade, o ciclo formativo ábrese coa celebración da primeira das 9 xornadas formativas.
Estas xornadas proporcionarán aos asistentes asesoramento personalizado e apoio para a aplicación das ferramentas dixitais nos seus establecementos. En cada xornada realizaranse dúas sesións, unha para os comerciantes inscritos e outra aberta a todos aqueles interesados.
A actividade inaugural leva por título Coñece a túa audiencia e terá como obxectivo “identificar e comprender ao público obxectivo de cada negocio para optimizar a súa presenza nos diferentes canais dixitais”.
Esta xornada dividirase nunha primeira sesión dirixida aos comerciantes do mercado público municipal e celebrarase nas instalacións da Praza de Abastos de 16.30 a 17.30 horas; e nunha segunda, aberta a todos os comercios da cidade, terá lugar nas dependencias da firma Craftium (rúa Duráns 7) de 20.30 a 21.30 horas.
O Concello explica que “aínda que é agora cando empeza a impartirse a formación, a empresa adxudicataria do programa de transformación dixital, leva xa semanas traballando cos negocios inscritos, de xeito que os comerciantes e praceiros mantiveron previamente sesións con expertos en dixitalización para realizar un diagnóstico da situación actual dos seus establecementos e as súas necesidades coa finalidade de establecer estratexias individualizadas e recomendar as ferramentas máis axeitadas”. Ademais, as sesións formativas que se inician complementaranse con novas visitas aos negocios para deseñar un plan de acción conxunto que impulse o seu desenvolvemento dixital.
A concellería que dirixe Álvaro Carou organiza o programa Dixitaliza Vilagarcía no marco do proxecto Vilagarcía Viva, que se financia nun 80% cos fondos europeos Next Generation a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.