DJI entra no mercado das estacións de enerxía portátiles

venres, 19 de abril do 2024 Marcus Fernández

Aínda que DJI sexa un fabricante normalmente identificado con drons, tamén comercializa dispositivos como cámaras de acción, estabilizadores para cámaras e sistemas de microfonía, aos que agora se suman as estacións de enerxía portátiles Power 1000 e Power 500, que inicialmente poderían verse como accesorios para cargar batería de drons en mobilidade, pero que realmente serven como fonte de enerxía para case calquera dispositivo electrónico, sendo ideal para actividades ao aire libre ou incluso como batería de reposto doméstica (para empregar durante emerxencias).
A DJI Power 1000 sería a estación de enerxía portátil máis completa, cunha capacidade de batería de 1.024 Wh e un peso de 13 quilos, pode entregar até 2.400 watts, a súa carga pode completarse en só 70 minutos, conta con tomas de corrente estándar e tamén un par de portos de saída USB-C capaz de entregar cada un até 140 watts (ideal para, por exemplo, alimentar ordenadores portátiles ou tabletas) e incluso pode equiparse con até 6 paneis solares para poder recargarse cando esteamos en lugares afastados. O seu prezo de venda é de 999 euros.
Para usuarios menos demandantes de enerxía estaría a DJI Power 500, cunha batería de 512 Wh e 7,3 quilos de peso, pode entregar até 1.000 watts, os seus portos USB-C poden entregar até 100 watts cada un e pode cargarse mediante até 3 paneis solares. O seu prezo de venda é de 529 euros.
Dende DJI apuntan como exemplo da capacidade destas estacións que a Power 1000 sería capaz de manter activa unha neveira de coche 19 horas, podería cargar un ordenador portátil 9 veces e serviría para manter acendida unha lámpada doméstica até 92 horas.

Vídeo de presentación das novas estacións de enerxía portátiles de DJI

PUBLICIDADE