Awardesings.com: plataforma galega para pór o mellor deseño gráfico ao alcance de tódalas empresas

xoves, 24 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

A nosa terra segue a envorcarse a si mesma na Rede na procura de novos eidos de actividade e de comunicación distintos ou complementarios aos tradicionais. De procurar xustamente isto, novas voces e xeitos máis universais de dialogar e crear, é do que semella tratar Awardesings.com, unha canle para a promoción da creatividade gráfica que, segundo nos contan os responsables da súa posta en marcha, busca situar o máis preto posible a deseñadores e clientes. A plataforma funcionaría así: abríndose a internautas de todo o mundo que desexen levar a termo un proxecto de deseño gráfico concreto para que poidan presentalo na devandita web a xeito de concurso e, desta maneira, obter as propostas de creadores de toda a Rede.
Unha vez acadado o devandito, o cliente estará en disposición de visualizar os diferentes puntos de vista achegados, habilitando un premio para o deseñador gañador, comprometéndose o equipo da web a asegurar o pago.
No caso do cliente, aseguramos a súa satisfacción”, engaden, “xa que se non recibe 10 propostas de 10 creativos distintos, ou malia tolas recibido opina que hai unha baixa calidade, lle devolveremos o importe íntegro”.
Este proxecto, sinalan, vai dirixido a favorecer o desenvolvemento do crowdsourcing nos eidos galego e español, tendencia que é algo así como buscar o máximo beneficio para empresas e internautas nos seus proxectos, os primeiros procurando as propostas ideais (de calidade e accesibles dende o punto de vista do custe) no eido colectivo e os segundos tendo maiores posibilidades de que llas merquen. A páxina Awardesigns, case con total seguridade o primeiro mercado de deseño gráfico no ámbito estatal, xurdiu co obxectivo de contar no prazo dun ano con 10.000 creativos rexistrados na plataforma, espalladas/os por todo o mundo, e chegándose a unha media de 8-10 concursos novos cada día. “Arestora”, din os responsables a iniciativa, “levamos 15 días coa versión beta e xa acadamos unha cifra de visitas diarias que oscila entre as 150 e as 200, case 100 deseñadores gráficos e a posta en marcha do concurso do logotipo promocional para a campaña 500 Anos da Feira de Monterroso”.
De feito, é precisamente nesta vila de Lugo onde se xerou a web, máis polo miúdo da man de Javier Martínez Castro e a súa compañía Ulla Publicidad, que previamente xa puxera en marcha iniciativas como www.promo-digitall.com (venda en liña de artigos da publicidade) ou www.bordadopoint.com, especializada en bordados publicitarios.
Com ámbalas dúas páxinas, informa Martínez Castro, “conseguimos vender produtos personalizados a calquera recanto de España, Andorra e Portugal, contando hoxe con máis de 1.000 clientes nestes tres países, sendo Bancaja ou Desigual algúns de maior renome”.
Para Javier Castro, Awardesigns.com é un xeito de ir en contra da crise e de procurar novos xeitos de relanzamento das medianas e pequenas empresas. Con ela, engade, “pretendemos que tódalas firmas poidan ter acceso a un bo deseño, sen ter que pagar altos custes por este servizo, de igual maneira calquera bo creativo que desexe gañar cartos poderá facelo a través de esta”.

PUBLICIDADE