A sucesora da Nintendo Switch será retrocompatible

mércores, 6 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Nintendo vén de presentar o informe cos resultados financeiros trimestrais que inclúen as súas previsións para o primeiro trimestre de 2025, recollendo unha caída internanual das vendas de consolas do 31% e de xogos do 27,6%.
Aínda que as vendas seguen a ser moi sólidas (4,72 millóns de consolas Nintendo Switch e 70,28 millóns de xogos) resulta evidente que estamos ante o fin de ciclo da Switch, consola da que venderon 146,04 millóns de unidades e 1.306 millóns de xogos, converténdose na consola de Nintendo con máis xogos vendidos da historia, superando moi amplamente á Nintendo DS (consola que, curiosamente, vendeu máis de 10 millóns de unidades máis).
Agora que estamos ás portas da presentación da consola sucesora da Nintendo Switch, que sairá á venda no segundo trimestre de 2025, dende Nintendo queren avanzar un detalle para tranquilizar aos xogadores actuais e que moi probablemente busque non erosionar as vendas de xogos durante a campaña de Nadal: os xogos de Nintendo Switch funcionarán na vindeira consola de Nintendo.
A nova consola tamén conservará o acceso a Nintendo Switch Online, polo que semella que Nintendo por fin vai adoptar unha política de xeracións acorde ao resto de consolas de videoxogos, de xeito que as novas consolas deixarán de cortar lazos coas anteriores, para tranquilidade dos usuarios, que cando adquiran unha consola nova non terán que reiniciar a súa colección de xogos.