A educación canina polo camiño da tecnoloxía

xoves, 19 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Na segunda edición de Galicia Podcast Summit, un encontro sobre o mundo do podcasting, participou Patricia Guerrero, unha formadora que tira grande proveito das ferramentas tecnolóxicas para achegarse a humanos e cans, destacando o feito de que conta cun podcast con máis de 240 entregas, que ten un dos nomes máis claros e concisos: Perros. Con ela quixemos falar sobre o seu traballo como formadora na que a Internet xoga un grande papel.

– Antes de entrar en fariña, podes contestarnos unha pregunta que coido que che fan con moita frecuencia? Que fai unha graduada en Ciencias do Mar adestrando cans?
– En realidade, está relacionado, ambas son natureza e divulgación. Dúas das miñas grandes paixóns e case que misións de vida.
En realidade, non adestro cans, senón que formo a humanos para que acompañen aos cans como precisan. Non conecto co líder da manda e esas cousas, sigo outro paradigma. No que os cans e os humanos convivimos e gozamos de aventuras xuntos. Dende a liberdade.
É un cambio de ollada cara á vida en xeral, no que o humano non é o centro e mandatario, senón que é un ser máis do mundo. De aí, a relación coas Ciencias do Mar, onde estudei en profundidade o noso planeta e os cans, que están moi conectados coa súa natureza, aínda que o humano se encargue de desvialos.

– Coméntase moito que preto do 80% dos podcasts que existen non superan os 3 episodios. Cal é a clave para manter a constancia a longo prazo e ser capaz de facer centos de entregas?
– Paixón. Paixón polo tema que compartes, e paixón por compartir.
No meu caso, a miña misión de vida é divulgar o meu coñecemento. Creo que o audio é un medio moi próximo e íntimo para compartir.
Creo que a clave é que che guste o camiño e non o destino.
Moitos céntranse no resultado, no que van conseguir, esquecendo que o realmente apaixonante é crear o camiño.

< – Que vantaxes ves a comunicar a través de podcasts? Son quizais un xeito de conectar coa xente que non está tan pendente das plataformas sociais ou que mesmo fuxe das mesmas?
– Hai moitas. Como dicía antes, é un medio moi próximo e íntimo, que ademais permite estar vivindo outras cousas. Como un paseo pola natureza.
Para o creador é moi doado e versátil. Eu persoalmente síntome máis cómoda abríndome en canal mentres falo ao pasear. E iso queda rexistrado.

– Que outras canles dixitais empregas para comunicar as túas formacións? Correo electrónico, blog, Instagram, YouTube…?
– Aviso a navegantes, vou abrir un debate.
Apoieime en case todas as canais dixitais para compartir e seguir divulgando. Aínda que hai uns meses abandonei Instagram. Por principios.
A natureza é un dos meus valores, entendendo tamén a nosa natureza como humanos. E sinceramente, estar enganchados a unha pantalla adictos a consumir vídeos sen parar, non entra dentro dela. E non coida o noso benestar.
Hai unha década, cando comecei a compartir nesa rede social, o obxectivo era compartir, inspirar… sinto que agora mesmo o único obxectivo é roubar a atención. E non quixen contribuír a iso. Así que, pechei esa ventá de exposición, para centrarme noutros medios un pouco máis amables como YouTube, correo e o meu blog.
Sei que se pode facer contido moi interesante seguindo o xogo das redes, pero o meu corpo e mente pedíronme a berros que non quería xogar con esas regras. Así que, agora aposto forte por plataformas máis saudables, e por un contido máis profundo… que potencie o coñecemento, o sentido crítico e a confianza en un mesmo.

– E como ferramentas formativas, empregas plataformas específicas de e-learning ou prefires reinventar o uso doutras plataformas de comunicación aplicándoas para conectar cos teus alumnos?
– Uso moitísimas ferramentas formativas, fascíname. Aínda que intento simplificar para non abafar aos meus alumnos.
Así resumido, serían: Kajabi como academia e plataforma para crear xogos a través do correo; Kahoot para os meus xogos didácticos; Zoom para as sesións en directo; Genially e Canva para crear mapas e imaxes para os escenarios didácticos; e Discord como lugar de encontro e conversación.

– Foi a pandemia un elemento que contribuíu a que a xente entrase máis en actividades a distancia ao afacerse a ferramentas como as videoconferencias e os directos en liña?
– Sinto que foi un punto de inflexión, no que todo se acelerou. Aínda que xa viñamos dun incremento do uso das formacións en liña. Con todo, sinto que a xente se saturou e agora é máis esixente e coidadosa coas formacións coas que se compromete. Algo do que me alegro, xa que obriga aos creadores a mellorar e crear mellores experiencias.

– A actividade en liña tamén ten a súa repercusión presencial. Por exemplo, agora andas coa promoción do teu segundo libro, editado por Grijalbo. Como está a ser o transvase de audiencias dixitais a tradicionais? Dado que o teu primeiro libro foi autoeditado a través de CulBuks e o segundo xa contou co apoio de Grijalbo, podemos entender que as editoriais miden agora moito a visibilidade que teñen os autores antes de apostar por eles?
– O paradigma editorial cambiou totalmente na última década. É o autor quen promociona e empurra as súas creacións. As editoriais son só un medio para conseguilo. Dende a miña experiencia, tanto autoeditando como publicando cunha gran editorial, se non remas polo teu libro, non se vai vender.
E si, as grandes editoriais buscan autores que xa traian a súa audiencia. A relación coa actividade en liña é total. Os creadores tratamos con humanos, e estes consumen todo tipo de contidos. É a confianza o que hai que nutrir. E isto faise a través de texto, audio, vídeo, físico (material) e presencial. Todo é un.

– Agora que temos novas sobre IA semana si e semana tamén, podes facernos unha profecía? Cando cres que teremos un tradutor cadelo-humano que sexa minimamente fiable? Pasará á historia a expresión «só lle falta falar»?
– A miña profecía é que a creareina eu mesma, jajaja. En serio, o coñecemento sobre a linguaxe canina dispoñible na Internet é de moi mala calidade e segue un paradigma no que o can obedece ao humano. Así que a interpretación que se daría segundo eses datos sería que o can está tentando dominar o mundo, desafiando ao humano ou saber que máis cousas.
Con iso, a IA que se alimente con ese tipo de información non conseguirá traducir o que realmente está dicindo e necesitando o can. Só o que o humano quere que diga. Algo que prexudica o benestar do can.
Dádeme uns anos, e crearei un tradutor que acompañe as necesidades esenciais dos cans. Acepto o reto!