A Policía Nacional intervén 6.500 cartuchos piratas en A Coruña

mércores, 23 de decembro do 2009 Marcus Fernández

La Opinión de A Coruña publica hoxe que a Policía Nacional realizou unha intervención no coruñés barrio da Sagrada Familia e nunha nave industrial de Pocomaco, incautando «6.500 cartuchos de falsificacións de videoxogos e dispositivos piratas dunha consola portátil» sen deter os responsables do «material falsificado» aínda que imputando ao dono da tenda de informática na que se comercializaban (e que tamén estaban á venda a través da Internet), operación que sorprende enormemente, posto que de corresponder ao que parece, os feitos denunciados non constituirían delito, e así teríase determinado en numerosas ocasións en España (e incluso noutros establecementos galegos). Resultaría así rechamante que a Policía Nacional continúe a emprender medidas contra un tipo de actividade totalmente legal segundo a lexislación español, especialmente nunha das datas de maiores vendas do ano.
Ao parecer, interviron 49 caixas de «dispositivos piratas», con 6.500 cartuchos, que pasarían a disposición do Xulgado de Instrución número 6 de A Coruña. O material serviría para facer funcionar copias non autorizadas de software descargado da Internet, pero ao ter máis funcionalidades (como a reprodución multimedia ou a posibilidade de executar aplicacións caseiras) non resultan ilegais, polo que a actuación policial parece totalmente desproporcionada, e incluso no caso dos denunciantes podería entenderse unha actuación de mala fe (posto que dende compañías coma Nintendo coñecen suficientes precedentes como para entender que mentres non modifiquen a lexislación española os cartuchos non autorizdos por eles para a súa consola portátil son totalmente legais).

PUBLICIDADE