A Factoría Eurodixital amosa as claves (e dificultades) do emprendemento TIC galego

venres, 14 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

José Manuel García, director da Factoría na súa sede de Pontevedra

A Factoría Eurodixital, da que falamos recentemente para dar conta do seu novo servizo spainsecret.com (unha ferramenta de promoción turística e de autoemprego, dous factores a ter en conta nestes tempos de crise), está a celebrar estes días os seus trece anos de vida, un número que a moitos bota cara a atrás pero que aos responsábeis da devandita firma pontevedresa achégalles folgos para impulsarse cara ao futuro chantándose firmes no camiño percorrido. Precisamente, en facer un percorrido pola traxectoria empresarial trazada é no que consiste, en parte, esta celebración do 12+1 aniversario, ao tempo que a Factoría tira proveito para reflexionar sobre algúns dos principais atrancos que atopan os emprendedores galegos nas dificultades actuais e nun país ao que consideran “orfo de cultura emprendedora”. Segundo nos conta José Manuel García, creador de cousas como Descubre Galicia (un dos grandes fitos da Factoría), as cousas cambiaron moito ao longo destes trece anos.
De feito, daquela Internet comezaba a asomar nas nosas vidas e a algúns pareceunos ver nese soporte un escenario de oportunidades. “Eramos moi novos e estabamos cheos de ilusións, a creatividade e o optimismo bulía entre a sociedade de forma contaxiosa e os nosos soños estaban ao alcance da man”, coméntanos José Manuel García, que sinala que dese espírito naceu precisamente Factory Dreams, o xermolo do que logo sería a Factoría Eurodixital. De aí saíu a primeira creación, pontevedradigital.com, un escaparate en Rede “ao que se incorporaron numerosos establecementos da cidade, que comezaron a percibir a necesidade de gañar presenza ante unha audiencia cada vez máis permeable aos novos soportes tecnolóxicos”, engade, ao tempo que cualifícao dunha “sorte de serendipia, xa que ante nós abriuse unha fórmula totalmente inédita de presentar unha viaxe virtual 360º interactiva, baseada na interconexión de cidades e negocios”.
Logo, prosegue, a Rede gañou en potencialidades e en portas por abrir, e fóronse desenvolvendo novas ferramentas que contribuíron a afianzar ao proxecto empresarial, de aí xurdiron iniciativas libres de axudas públicas ou privadas como a devandita Descubre Galicia (que en 2011 recibiu máis de 250.000 visitas) ou Virtual Planet 360. Estes servizos, en palabras da Factoría, son dous soportes que permiten desvelar os segredos da nosa terra e dalgúns lugares do mundo en formato panorámico e que recibiron unha distinción da Unión Europea en 2009, declarado Ano Europeo da Creatividade e Innovación, como exemplo de boas prácticas no ámbito da creatividade e innovación. Esta fórmula foi a que logo lle permitiu á empresa de Pontevedra converter a Santiago “na primeira cidade virtual de Europa”, participar no Día Mundial do Turismo en 2012 (desenvolvendo para a ocasión un completo percorrido virtual 360º interactivo por Maspalomas, o principal destino de vacacións de Europa), construír madridplanet.com (un detallado periplo pola capital de España), ou a devandita spainsecret.com, que ofrece a 400 emprendedores a oportunidade de contribuír a crear unha viaxe virtual 360º interactivo para descubrir os segredos do territorio estatal.
Segundo explica José Manuel García, a conveniencia de aplicar ese formato de viaxe virtual 360º interactivo a sectores como o turismo ou o comercio xurdiu, nin máis nin menos, que a beiras do río Lérez, “e non nun garaxe do afastado Silicon Valley”. Ao seu xuízo, nin esta nin outras apostas feitas dende a nosa terra foron desencamiñadas, e máis tendo en conta (no caso da Factoría) que “a responsábel dunha coñecida multinacional, creadora do principal buscador en Internet, amosou un non disimulado interese pola nosa ferramenta... curiosamente, e co devir dos anos, xurdiu o afamado Street View”. Este espírito de innovación que non coñece fronteiras e que xorde de calquera lugar malia ter moitas cousas en contra (localización, comunicación, falta de apoios) sérvelle á empresa pontevedresa para lanzar a súa achega de crítica: “De ideas, proxectos e ilusión seguimos equipados trece anos despois, cousa ben diferente é ter a capacidade trasladar estas arelas á práctica nun país a cuxos dirixentes se lles enche a boca falando de emprendemento e de emprendedores esquecendo se cadra que a xestación e desenvolvemento dun proxecto empresarial non entende do curtoplacismo tan español, resulta irreal pretender que afloren novos empresarios por todas partes cando a nosa cultura emprendedora simplemente non existe”. E conclúe José Manuel García: “Trece anos despois, mantemos a nosa aposta firme polas tecnoloxías da información como elemento tractor de emprego e prosperidade, esta convicción non ten nada de oportunista, ou polo menos así o tentamos acreditar ao longo de todo este tempo; toca por tanto seguir soñando e imaxinar como será o futuro máis inmediato, no que constitúe un exercicio de reinvención permanente”.

PUBLICIDADE